A Xunta de Galicia recibe aos participantes da Iacobus Maris en Santiago de Compostela

A Ruta Xacobea Iacobus Maris é considerada como a peregrinación marítima máis longa da historia do Xacobeo.

Durante 5 semanas, 11 barcos con máis de 150 tripulantes percorreron preto de 1.900 millas ata chegar a augas galegas.
 

Santiago, 23 de xullo de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no acto de recepción dos participantes na travesía marítima Iacobus Maris xunto á embaixadora de Israel en España, Rodica Radian-Gordor, o cónsul xeral de Rumanía en Bilbao, Marian Popescu, o cónsul Honorario de Italia na Coruña, Francesco Milani, e o presidente da Fundación Traslatio, Mario Cardama Barrientos.

 

Na travesía participaron once barcos entre os que se encontraban goletas, bergantíns, pailebotes, carabelas e embarcacións da Volvo Ocean Race. Entre eles, a Peregrina, a carabela Beira Cruz, as goletas Evangelina -construída en 1912 no porto do Freixo, na Ría de Noia-, a bilbaína Atyla e a francesa Etoile, o pailebote Pascual Flores, ou o VO70 E1 Ericsson.

 

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou a importancia desta ruta como “pedra angular da peregrinación a Compostela” e un xeito excepcional de visibilizar Galicia, o Camiño de Santiago e este Ano Santo.

 

 “Queremos converter a celebración do Xacobeo en algo extraordinario e único, de repercusión internacional, que supoña un impulso para a actividade económica e proxecte a nosa imaxe no exterior” sinalou Nava Castro.

 

Neste sentido, indicou que a Iacobus Maris permítelle a Galicia promocionar este Ano Santo dun xeito diferente, en varios países, a través dunha experiencia que, en palabras de  Nava Castro, non deixa a ninguén indiferente.

 

A travesía Iacobus Maris conmemora a viaxe do corpo do Apóstolo Santiago desde o porto de Jaffa ata Santiago de Compostela, atravesando o Mediterráneo de Oriente a Poñente, e seguindo rumbo norte ata Galicia polo Atlántico.