Rueda reúnese co equipo directivo de Lonza Biologics para analizar a instalación do novo centro de produtos farmacéuticos da compañía na Plisán

A compañía merca catro parcelas que superan os 100.000 metros cadrados, a maior asignación de superficie ata o momento neste polígono industrial

Galicia sitúase á cabeza de España na creación de empresas do sector biotecnolóxico
 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta semana co director xeral da empresa biotecnolóxica Lonza Biologics Porriño S. L., Keith Dailey, e con outros dous responsables da empresa – o director de Enxeñaría e instalacións de obra, Daniel Sujo e o director asociado de Instalacións e Relacións Internacionais, Alejandro García- para abordar a incorporación da compañía á Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra- As Neves (Plisan).

 

A biotecnolóxica, que actualmente ten a súa sede no polígono industrial de Torneiros (O Porriño) onde xera 500 empregos directos, vai ampliar as súas instalacións coa adquisición de catro parcelas na Plisán que suporán máis de 100.000 metros cadrados de superficie. Lonza prevé construír o seu novo centro de fabricación de produtos farmacéuticos nestes terreos que, ata o de agora, supoñen a maior superficie asignada na Plisán.

 

Durante a reunión, na que tamén estivo presente a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o presidente trasladou ao equipo directivo de Lonza Biologics o apoio da Xunta ao sector biotecnolóxico, no que Galicia está a ser un referente. O informe Asebio 2020 destaca que a Comunidade galega é un dos polos bioemprendedores mais activos do país: un 28% das empresas biotecnolóxicas creadas en España no 2020 foron galegas, o que sitúa a Galicia como a segunda autonomía con máis emprendemento neste eido.

Imaxes relacionadas