Martina Aneiros clausura o obradoiro de emprego Terras do Ortegal que formou a 20 alumnos en atención sociosanitaria a persoas dependentes

A delegada territorial da Xunta destaca o compromiso do Goberno galego coa xeración de emprego na comarca e pon en valor este tipo de formación orientada a cubrir as demandas reais das empresas do entorno

Este é un dos tres obradoiros de emprego que a Xunta de Galicia levou a cabo este curso nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal cun investimento superior aos 900.000 euros
 

Ortigueira (A Coruña), 23 de xullo de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego Terras do Ortegal, impulsado polos municipios de Ortigueira, Cariño e Mañón e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

No acto, que tivo lugar no Teatro da Beneficencia, Martina Aneiros tivo a oportunidade de felicitar aos 20 alumnos e alumnas participantes que recibiron o seu correspondente diploma que acredita a súa formación na especialidade de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

 

Este obradoiro, un dos tres que se levaron a cabo nos municipios da comarca durante este curso, contou cun apoio económico da Xunta de case 347.000 euros.

 

A delegada territorial destacou o compromiso da Xunta coa xeración de emprego na comarca. “Un exemplo disto son os programas formativos como o que hoxe clausuramos, cada vez máis orientados a cubrir as demandas reais das empresas do entorno o que permite unha integración laboral máis alta”, destacou.

 

Martina Aneiros tamén puxo en valor o complemento que supoñe para esta formación as prácticas en empresas “o que garante unha inserción real e máis duradeira no tempo”. Neste caso o alumnado realizou prácticas en institucións sociais da contorna.

 

Nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal leváronse a cabo este curso tres obradoiros de emprego que a Xunta de Galicia financiou cun investimento superior aos 900.000 euros.