A Xunta achega 30.000 euros para organizar a Feira do Bonito de Burela, que se celebra a primeira fin de semana de agosto

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliña a importancia das festas gastronómicas “como reclamo turístico” e sinala “a enorme proxección exterior que lle dá este produto á vila e a toda A Mariña”

Burela (

Lugo), 22 de xullode 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, ratificou hoxe o apoio do Goberno galego á Feira do Bonito de Burela, que recibe 30.000 euros a través da Axencia de Turismo de Galicia para colaborar cos gastos de organización.


Arias participou na presentación xunto con representantes das demais institucións implicadas na celebración, prevista para a primeira fin de semana de agosto. Subliñou o papel clave das festas gastronómicas “como reclamo turístico” e puxo de relevo“a enorme proxección exterior que lle dá este produto a Burela e a toda A Mariña, como demostra a recente declaración de Festa de Interese Turístico Nacional”.


Afirmou que a Xunta “seguirá prestando apoio loxístico e promocional” respaldando campañas como a de Orixe e destino, que ten en marcha pola Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Burela para levar aos paradores do Camiño de Santiago a degustación tanto do bonito como da pescada do pincho.


Tamén afirmou que o Goberno galego “seguirá apostando por esta vila, motor do dinamismo económico da Mariña”, programando melloras como as executadas nos últimos anos no porto, entre as que salientou as máis recentes, como a renovación integral da envolvente da nave de redes, a construción do segundo martelo do peirao co obxectivo de mellorar a seguridade, o acondicionamento da cuberta da nave de Expomar ou, este mesmo ano, a instalación de novos brazos de amarre en dous pantaláns, a renovación das portas dos departamentos do punto limpo e a mellora do firme na zona de manobras de carga e descarga de mercadorías do peirao comercial.

Imaxes relacionadas