A ocupación hoteleira do mes de xuño en Galicia sitúase en máximos históricos, un 70% máis que a rexistrada en 2021

Na comparativa co ano 2019, este dato incrementouse en preto dun 5%
 

Con 893 mil noites a nosa comunidade sitúase, por vez primeira desde o inicio da pandemia, en máximos históricos de demanda hoteleira no mes de xuño
 

Supera por tanto os valores rexistrados en 2019 e mesmo os do último Xacobeo 2010 cando rexistraba 790 mil noites-.
 

Santiago, 22 de xullo de 2022

Galicia rexistrou o pasado mes de xuño máis de 481.000 viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros da Comunidade autónoma e 893.000 noites, unha cifra de demanda histórica que sitúa ao noso territorio en máximos históricos de demanda hoteleira no mes de xuño. Supera por tanto os valores rexistrados en 2019, cando había 870 mil noites, e mesmo os do último Xacobeo 2010, cando se rexistraron 790 mil noites

 

 

A ocupación hoteleira en xuño supera en máis do 70% os datos do pasado ano o que supón que, por vez primeira desde o inicio da crise, a demanda turística en hoteis galegos supera o nivel de 2019, nun 4,9% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 2,7% o volume de noites.

 

Co 44% das noites hoteleiras, A Coruña lidera o mercado turístico hoteleiro neste sexto mes do ano. Seguen a continuación Pontevedra, co 37%, por diante de Lugo -co 12%- e Ourense -co 7% neste caso-.

 

Primeiro semestre

Polo que respecta aos seis primeiros meses do ano,  Galicia rexistra máis de 1,8 millóns de viaxeiros aloxados e de 3,3 millóns de noites nos establecementos hoteleiros da comunidade, cifras que duplican os datos do pasado ano. Neste sentido a porcentaxe de recuperación sobre os valores anteriores á pandemia sitúase no 97%, para o volume de noites.

 

Polo que respecta ao número de viaxeiros aloxados recupérase o nivel do acumulado anual de 2019.

 

Cunha perspectiva temporal máis ampla obsérvase que Galicia presenta unha notable capacidade de recuperación neste período de seis meses, acadando a segunda cifra máis elevada da serie histórica. En termos absolutos Galicia supera en máis de 1,9 millóns de noites a cifra do pasado ano 2021.

 

Co 74% das noites hoteleiras, o turismo nacional lidera o mercado hoteleiro en Galicia, porcentaxe que se reparte entre o mercado interno -dos residentes na comunidade, que absorben o 28% con preto de 920 mil noites- e o receptor nacional -que proceden do resto do Estado, co 46% neste caso e máis de 1,5 millóns de noites-. O turismo internacional representa o 26% do total da demanda neste período de seis meses, con 857 mil noites.

Imaxes relacionadas