A Xunta reforza a seguridade no Camiño a través da colaboración coa Cruz Vermella para prestar asistencia aos peregrinos ante situacións de emerxencia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación do programa Contigo no Camiño que funcionará ata o 15 de setembro logo de renovarse o plan piloto desenvolvido o pasado verán no que se atenderon 1.200 peregrinos

A iniciativa conta con patrullas de socorristas que percorren a ruta en bicicleta para asistir e asesorar aos peregrinos, así como puntos fixos de asistencia no Camiño Francés en Portomarín, O Pino e o Monte do Gozo
 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2022


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación do programa de colaboración coa Cruz Vermella e a entidade Mapfre, Contigo no Camiño, para dar asistencia a situacións de potencial emerxencia en puntos do Camiño Francés, na que tamén participaron a presidenta autonómica de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro Rojo, e o director territorial de MAPFRE Galicia Norte, David Rey.

Trátase dunha actividade que se desenvolve por segundo ano consecutivo, logo dunha experiencia piloto que se desenvolveu entre os meses de xullo e agosto a través da que se atenderon a 1.200 peregrinos.

O acordo inclúe patrullas móbiles de socorristas que percorrerán o Camiño polas mañás de mércores a domingo en bicicleta para prestar acompañamento, asistencia e asesoramento aos peregrinos, mentres que polas tardes funcionarán os puntos fixos de asistencia en Portomarín, O Pino e no Monte do Gozo.

As bicicletas que este ano utilizarán os socorristas serán eléctricas. Iso supón que se duplicarán os quilómetros percorridos en relación ao ano pasado, case 9.000 quilómetros de Camiño entre o 15 de xullo e o 15 de setembro.

Tanto os postos como as patrullas estarán a disposición dos camiñantes para o que precisen e o cadro de persoal está formado por 25 socorristas que  contan coa formación e os materiais necesarios para a prestación de primeiros auxilios.

Na súa intervención, Nava Castro referiuse ao traballo da Xunta para contar cun Camiño Seguro con tódolos trazados acondicionados e melloras nos albergues, o que permitiu a súa reactivación neste Xacobeo 21-22 coa chegada xa de máis de 190.000 peregrinos.

No ámbito da seguridade na Ruta xacobea, destacou tamén o reforzo da vixilancia por parte das forzas de corpos de seguridade, así como a través da posta en marcha do Plan de Protección Civil de atención ao peregrino con voluntarios despregados en máis dun cento de concellos.

Imaxes relacionadas