A Xunta convoca as axudas para compensar as dificultades económicas da invasión rusa de Ucraína no sector gandeiro de carne por importe de 11,8 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria, dependente da Consellería do Medio Rural, coa convocatoria e as bases destas achegas
 

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras de vacún de carne, de ovellas, de cabras, de aves ou de coellos que cumpran os requisitos establecidos a nivel nacional
 

Non será preciso facer unha solicitude: no caso do vacún de carne, ovino e cabrún entenderase realizada por ter presentada a solicitude única da PAC; no de aves e coellos, se fixeron en prazo a última declaración censual da explotación
 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga, dependente da Consellería do Medio Rural) coas bases e a convocatoria das axudas excepcionais a determinadas explotacións gandeiras para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína. O orzamento destas achegas é de 11,8 millóns de euros, 7,8 financiados polo Estado e os 3,9 restantes pola Unión Europea mediante o Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria.

 

Así, poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras de vacún de carne, de ovellas, de cabras, de aves ou de coellos que cumpran os requisitos establecidos a nivel nacional no Real Decreto 428/2022, do 7 de xuño, polo que se establecen as bases reguladoras destas axudas excepcionais. Ademais, os solicitantes deberán estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

 

Así mesmo, establécense unha serie de limitacións tanto para os beneficiarios coma para os diferentes tipos de gando. Só se poderá facer un pagamento único por animal, no caso das explotacións de vacún, ovino e cabrún, e un pagamento único segundo a capacidade da explotación, no caso de aves e coellos. Ademais, os límites financiables por persoa beneficiaria son de 125 vacas nutrices en explotacións de vacún, 520 xatos de ceba en cebadeiros vacúns e de ata 800 ovellas ou cabras, mentres que nos de aves e coellos haberá un mínimo de 251 e 50 prazas, respectivamente. As contías unitarias máximas serán de 60 euros por vaca nutriz, doce por tenreiro e cinco por unha ovella ou cabra.

 

Finalmente, cómpre destacar que non será preciso facer unha solicitude para recibir algunha destas axudas. No caso do gando vacún de carne, ovino e cabrún, a petición de axuda entenderase realizada por ter presentada a solicitude única da PAC 2022. Pola súa parte, no relativo aos sectores de aves e coellos, a solicitude de axuda entenderase realizada se fixeron en prazo a última declaración censual das explotacións, consonte o establecido na normativa de aplicación (o devandito Real Decreto 428/2022).

 

Non obstante en determinados casos hai que presentar unha declaración responsable, no prazo establecido polo Real Decreto. As persoas interesadas que non presentaran a declaración neste prazo, dispoñen de 10 días hábiles a contar dende a publicación desta resolución.

 
Enlace á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220722/AnuncioG1534-150722-0001_gl.html

Imaxes relacionadas