A Xunta creará 68 polos creativos e 7 pistas multideporte nos centros educativos e institutos da provincia de Pontevedra

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou que a iniciativa supón “un pulo do modelo educativo no eido da innovación e a transformación dixital” e unha nova vía de colaboración cos concellos para mellorar as dotacións deportivas
 

A administración galega achegará preto de 380.000 euros ás pistas multideporte, subvencionando ata o 85% do custo destas infraestruturas de titularidade municipal
 

En canto aos polos creativos, esta primeira fase de implantación chegará en setembro a 64 centros educativos; 44 na área de Pontevedra e 24 na de Vigo
 

Vigo, 22 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia acaba de aprobar a implantación de 68 polos creativos e 7 pistas multideporte nos centros educativos e institutos da Provincia de Pontevedra, tal e como informou hoxe a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

 

No caso da primeira iniciativa, Fernández-Tapias sinalou que supón “un pulo do modelo educativo no eido da innovación e a transformación dixital”, enmarcada na Estratexia de Educación Dixital 2030, a folla de ruta para o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital. En canto ás pistas multideporte, sinalou que abren unha nova vía de colaboración cos concellos co obxectivo de contribuír a mellora destas dotacións de uso compartido entre a comunidade educativa e a cidadanía.

 

Ambas as dúas iniciativas póñense en marcha ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e supoñen un investimento conxunto de case 6 millóns de euros para o conxunto da Comunidade.

 

Deste modo, segundo indicou a representante autonómica, o obxectivo principal dos polos creativos “é consolidar a Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público”

 

Fernández-Tapias detallou que esta primeira fase de implantación de polos creativos chegará este setembro a un total de 68 centros educativos da provincia, dos que 44 corresponden á área territorial de Pontevedra e 24 á de Vigo.

 

Os polos creativos son lugares de innovación educativa no que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Terán un deseño modular e innovador acorde co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotados de equipamento especializado e organizados didacticamente para o fomento da creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo. Isto é, centros de actividades nos que se abordarán aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros.

 

Así pois, nos centros seleccionados nesta primeira fase, a Consellería de Educación despregará arredor de 22.000 unidades de material e equipamento especializado. Entre eles máis de 1.800 robots ou kits de robótica, máis de 2.100 elementos de equipamento audiovisual, preto de 1.000 tablets e 140 taboleiros interactivos, más de 500 elementos de corte por control numérico, escaneado e impresión 3D e unhas 9.000 unidades de mobiliario avanzado, flexible e innovador.

 

Pistas multideporte

No que atinxe ás pistas multideporte, é a primeira acción deste tipo que se pon en marcha en Galicia, cun investimento de 1,96M€, a través da cal o Goberno galego financia ata o 85% do custo destas infraestruturas lúdico-deportivas nos centros escolares que son de uso conxunto entre a comunidade educativa e a cidadanía. No caso da provincia de Pontevedra a achega é de preto de 380.000 euros. 

 

Concretamente, veranse beneficiados por esta medida o CEIP Agolada (Agolada), CEIP Pio Cabanillas Gallas (Dozón), o CEIP Fernández López (O Porriño), o CPI Curros Enriquez (Pazos de Borbén), o CEP Pedro Caselles Beltrán (Tomiño), o CEIP Plurilingüe Nº2 (Tui) e o CEIP de San Roque- Corón (Vilanova de Arousa).

 

As axudas van destinadas a pistas multideporte en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios (CPI) de titularidade municipal, cuxo deseño debe ser conforme aos modelos establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. O obxectivo é promover unha vida sa entre o alumnado e permitir a práctica de, candomenos, cinco deportes, nun espazo polifuncional.

 

Os concellos de 5.000 habitantes ou menos podían recibir da Xunta ata o 85% da contía subvencionable ata un máximo de 85.000€ por proxecto. No caso dos concellos con poboacións de entre 5.000 e 15.000 habitantes a porcentaxe subvencionable é do 75% e nos de poboación igual ou superior a 15.000 habitantes será do 60%.

 

Esta liña de axudas vén a referendar a liña de traballo interinstitucional entre as administracións autonómica e local para o máximo aproveitamento das infraestruturas públicas. Nesta liña, cómpre lembrar ao acordo marco selado entre a Consellería e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a través do cal se regula a apertura das instalacións deportivas dos institutos ao seu uso por parte da cidadanía fóra do horario escolar.

 
 
 
 
 
 

POLOS CREATIVOS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA – 1ª FASE

 
CONCELLO
 
NOME DO CENTRO
A Cañiza
CPI da Cañiza
A Estrada
CEIP de Figueiroa
A Illa de Arousa
IES da Illa de Arousa
CEIP da Torre-Illa
A Lama
CEIP A Lama
As Neves
CEIP Marquesa do Pazo da Mercé
Baiona
CPI de Cova Terreña
Bueu
CEIP Plurilingüe da Torre-Cela
Cambados
CEIP Plurilingüe de Castrelo
CEIP de Corvillón

CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro

CEIP San Tomé
Cangas
IES Monte Carrasco
CEIP do Hío
CEIP Plurilingüe da Espiñeira-Aldán
CEIP Nazaret
Cerdedo-Cotobade
CEIP Plurilingüe de Carballedo
CEIP Plurilingüe de Tenorio
Forcarei
IES Chano Piñeiro
Gondomar
CEIP Serra-Vincios
Lalín
CEIP Xoaquín Loriga
Marín
CEIP da Laxe
CEP de Sequelo-Marín
Meaño
CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas
Moaña
CEIP Plurilingüe de Reibón
Mos
IES de Mos
Niográn
CEIP da Cruz
IES Escolas Proval
O Grove
IES Plurilingüe As Bizocas
O Porriño
CEIP Plurilingüe da Ribeira
CEIP Plurilingüe Antonio Palacios
IES Ribeira do Louro
Ponte Caldelas
CEIP Plurilingüe A Reigosa
Ponteareas
IES do Barral

CEIP Plurilingüe Nosa Señora dos Remedios

CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera
Pontevedra
IES A Xunqueira I
CEIP San Martiño
IES Montecelo
IES A Xunqueira II
CEIP de Parada-Campañó
IES Sánchez Cantón
CEIP Plurilingüe Froebel
Redondela
CEIP Plurilingüe Outeiro das Penas
CEIP Plurilingüe de Reboreda
CEIP Plurilingüe de Cedeira
CEIP Plurilingüe da Igrexa-Chapela
Salvaterra
CEP Carlos Casares
Sanxenxo
CEIP Plurilingüe A Florida
Tomiño
CEIP Plurilingüe de Tebra
CEIP de Sobrada
Tui
CEIP de Rebordáns
CEIP Plurilingüe Nº 1
Valga
IES de Valga
Vigo
IES Valadares
CEIP Balaídos
CEIP Vicente Risco
CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro
IES Rosais 2
CEP Plurilingüe Santa Tegra-Teis
IES de Teis
IES Carlos Casares
IES Santa Irene
CEIP de Mosteiro-Bembrive
Vilaboa

CRA de Vilaboa Consuelo González Martínez

Vilagarcía de Arousa
CEE de Vilagarcía de Arousa
 
Vilanova de Arousa
CEIP de Viñagrande-Deiro
IES A Basella