Martina Aneiros supervisa o inicio das obras de mellora do firme na autovía AG-64 nas que a Xunta investirá máis de 1,3 M€

Acondicionarase e rehabilitarase o firme nos primeiros 40 quilómetros da vía ao seu paso polos concellos de Narón, San Sadurniño, As Somozas e As Pontes

A intervención ten un prazo de execución de seis meses

Executaranse obras complementarias de mellora de drenaxe nos puntos onde sexa necesario e renovarase a sinalización vertical e horizontal

Compatibilizaranse os traballos co mantemento do tráfico da autovía, co obxectivo de minimizar as molestias na circulación nesta vía de alta intensidade de tráfico e cunha importante presenza de vehículos pesados
 

Ferrol, 22 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial de Infraestruturas, José Antonio Álvarez , supervisaron esta mañá o inicio das obras de mellora do firme na autovía AG-64 cun investimento autonómico de 1.315.222 euros.

 

A intervención, que se centra estes días no primeiro tramo da autovía, comprende o acondicionamento e rehabilitación do firme en 40 quilómetros desta vía que une Ferrol e Vilalba, de cara a mellorar a seguridade viaria. Concretamente, actuarase no treito da AG-64 comprendido entre os puntos quilométricos 0 e o 39+790, ao seu paso polos concellos de Narón, San Sadurniño, As Somozas e As Pontes.

 

“Estas obras, xunto ás de mellora dos trazado da AC-566 e a AC-862, son unha mostra de que a Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica na nosa comarca co fin de proporcionarlles aos veciños unhas estradas seguras e eficientes, favorecer a mobilidade e contribuír ao incremento da competitividade”, sinalou a delegada territorial.

 

Os traballos consisten na reparación do firme que se atope en mal estado, coa mellora da capa de rodadura, así como das condicións de adherencia. O prazo de execución é de seis meses.

 

No contrato inclúense, ademais, obras complementarias de mellora de drenaxe nos puntos onde sexa necesario. Tamén se renovará a sinalización vertical e horizontal nas zonas nas que estea deteriorada.

 

A execución das obras estase a compatibilizar co mantemento do tráfico da autovía, co obxectivo de minimizar as molestias na circulación nesta vía de alta intensidade de tráfico, na que unha parte importante son vehículos pesados.

Imaxes relacionadas