A Xunta comeza a execución das obras de acondicionamento da parada de autobús na estrada PO-308 en Laño, no concello de Poio

O delegado territorial, Luis López, supervisou o comezo desta actuación adxudicada por máis de 32.000€
 

Procederase ao traslado da marquesiña situada no punto quilométrico 9+460 para situala na cuña de deceleración existente na contorna do punto 9+400 e daráselle continuidade ao itinerario peonil que existe coa construción dun novo tramo de senda
 

A consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras
 

Poio, 22 de xullo de 2022

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de comezar as obras de acondicionamento da parada de autobús situada na estrada autonómica PO-308, en Laño, no concello de Poio.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá o comezo desta actuación deseñada pola Xunta que prevé o acondicionamento da zona de instalación da nova ubicación desta parada de autobús da estrada PO-308, que se situa no ámbito da cuña de deceleración existente na contorna do punto quilométrico 9+400 da vía autonómica.

 

Para isto, procederase ao traslado da marquesiña actual desde o punto quilométrico 9+460 ao 9+340, dando continuidade ao itinerario peonil na marxe dereita da estrada autonómica, mediante a construción dun novo tramo de senda.

 

O novo treito de senda na PO-308 contará cun ancho mínimo de 1,8 metros e pavimento de formigón cor terriza, e estará elevada 10 centímetros con respecto á calzada.

 

Nesta intervención que está a levar a cabo a empresa Obras, proyectos y actividades S.L. por importe de más de 32.000 prevese, ademais, a colocación nos vaos peonís de pavimento táctil de botóns e direccional. A presenza da parada de bus será advertida con pavimento podotáctil.

 

Tamén se disporá un novo paso de peóns no punto 9+340 da PO-308 que permita comunicar os itinerarios peonís das dúas marxes da estrada con seguridade.

 

Ademais dos traballos anteriores, as obras incluirán a disposición dunha nova sinalización horizontal e a execución, baixo a senda, dunha gabia para a instalación de canalizacións de telecomunicacións. A drenaxe neste itinerario resolverase cunha canalización subterránea, que dará continuidade á rede existente, así como os correspondentes pozos e sumidoiros.

 

A consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Imaxes relacionadas