A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou esta mañá a intervención que a Xunta comezará en novembro na estrada PO-402, co obxectivo de rematala no verán

Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras da nova senda entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño, que suporá un investimento da Xunta de 1,5 M€

Construirase un itinerario de uso fundamentalmente peonil, que dará continuidade aos treitos de senda xa executados en distintas actuacións nos últimos anos
 

As obras abranguen un treito de 4,6 km, nas zonas de vivendas entre as parroquias de Oleiros e Leirado, e mellorarán os accesos á igrexa e aos establecementos hostaleiros e de alimentación
 

Prevese instalar 3 pasos de peóns con iluminación específica para reforzar a seguridade viaria e instalaranse 4 novas marquesiñas para facilitar o acceso ao transporte público
 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle desde hoxe a contratación das obras, fixando de prazo ata o 17 de agosto para que as empresas presenten ofertas
 

A actuación súmase a outras obras de mellora dos desprazamentos a pé executadas previamente para unir Oleiros con Salvaterra a través da PO-400 e da PO-402
 

A conselleira destaca a aposta do Goberno galego en mobilidade sostible, coa execución de 200 km de sendas na comunidade cun investimento de 50 M€
 

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 22 de xullo de 2022

Ethel Vázquez anunciou hoxe a licitación das obras da nova senda na estrada PO-402 entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño, que suporá un investimento da Xunta de 1,5 millóns de euros.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe esta intervención que suporá a mellora da mobilidade a pé e o reforzo da seguridade, especialmente dos usuarios máis vulnerables das estradas, peóns e ciclistas.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle o inicio da contratación destas obras, fixando de prazo ata o 17 de agosto para que as empresas interesadas poidan presenten as súas ofertas. A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.

 

Vázquez Mourelle detallou que o obxectivo da Xunta é adxudicar o contrato cara a finais do mes de outubro, iniciar as obras en novembro e rematalas no vindeiro verán.

 

Trátase dun itinerario mixto, fundamentalmente de uso peonil, que dará continuidade aos treitos de senda xa executados a través de distintas actuacións levadas a cabo nos últimos anos.

 

Así, a través das obras licitadas hoxe, actuarase en 4,6 km de estrada, coincidindo cos treitos con vivendas que se atopan entre as parroquias de Oleiros e de Leirado, e mellorando o acceso a zonas de equipamentos como a igrexa e establecementos hostaleiros e de alimentación.

 

O itinerario será de formigón coloreado e terá un ancho mínimo de 1,80 metros e estará , elevado 10 centímetros sobre a estrada para unha maior seguridade. Ademais, contará con pavimento podotáctil nos vaos peonís, para favorecer o tránsito de persoas coa capacidade visual diminuída.

 

O obxectivo é fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, polo que se disporán 3 pasos de peóns con iluminación específica, un deles sobreelevado, para mellora da mobilidade e unha mellor accesibilidade á nova senda. Xunto con isto, e co obxectivo de facilitar o acceso ao transporte público, acometeranse 4 marquesiñas, renovando as actuais. 

 

Ademais aproveitaranse os traballos para mellorar o trazado dunha curva con radio reducido, no quilómetro 4+900, sen necesidade de expropiacións.

 

A actuación completa outras obras de mellora da mobilidade peonil executadas con anterioridade para unir Oleiros con Salvaterra a través da PO-400 e da PO-402.

 

Ethel Vázquez destacou a aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable, xa que estes itinerarios peonís convidan a andar e a non coller o coche para os desprazamentos diarios, contribuíndo ao coidado do medio.

 

Puxo en valor o traballo do Goberno galego nesta materia, que se traduce na execución de 200 km de sendas en toda Galicia cun investimento de 50 M€.

Imaxes relacionadas