Emigración colabora coas entidades do exterior para ter unha modernización continua e dar a mellor imaxe de Galicia en todo momento

O secretario xeral da Emigración visitou a reforma realizada no Centro Lalín, Agolada e Silleda de Galicia en Bos Aires que o converten nun lugar de referencia como imaxe dunha Galicia moderna

Bos Aires (Arxentina), 21 de xullo de 2022

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe o Centro Lalín, Agolada e Silleda de Galicia en Bos Aires, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, así como do delegado da Xunta no país, Alejandro López Dobarro.

 

Durante este encontro puido comprobar a execución de diversas obras de reforma e conservación das instalacións realizadas grazas á colaboración económica da Xunta de Galicia, e aproveitou para analizar a situación da entidade, así como as circunstancias nas que se atopa a colectividade galega do exterior.

 

O secretario xeral puxo ao Centro Lalín como referencia na modernización das instalacións “de xeito que traslada a imaxe da nova Galicia”, animando así ao resto de entidades galegas no exterior a realizar melloras similares.

O Centro Lalín, Agolada e Silleda de Galicia en Bos Aires conta cun total de 520 socios, dos cales a meirande parte son galegos, con 398 persoas. Fundada en 1982, a institución ten un coro, constituído en 2019 e do que forman parte 25 integrantes, e cun equipo deportivo, creado en 2012 e que participa nos Torneos CODECE e noutras actividades fóra da colectividade.

Imaxes relacionadas