A Xunta impulsa o encontro ‘FERVE’, centrado na gastronomía e na cervexa, entre o 16 e o 18 de setembro en Pontevedra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo concelleiro concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e representantes da empresa organizadora, Esmerarte, presentan a primeira edición desta iniciativa, que mistura cociña, música e deseño cun novidoso formato

A Axencia Turismo de Galicia achega 200.000€ para a celebración dun evento que pretende respaldar a candidatura da cidade para ser Capital Gastro 2023 e promocionar a cociña galega coa reinvención das tradicionais romarías cun concepto transversal, artesanal e innovador

Haberá unha zona de degustación, comisariada polo chef de dúas estrelas Michelín Javier Olleros, actividades en torno ao mundo da cervexa, actuacións de artistas galegos de prestixio e unhas xornadas profesionais que se desenvolverán no Teatro Principal

“Dende a Xunta apostamos por todo o que poña en valor o noso territorio e, sen dúbida, a nosa gastronomía é a mellor embaixadora desta terra, polo que apoiamos decididamente un evento que ademais mistura tradición e modernidade”, sinalou o representante autonómico
 

 

Pontevedra, 21 de xullo de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vai impulsar a celebración do encontro FERVE, centrado na gastronomía e na cervexa e con importante presenza da música e o deseño, entre os días 16 e 18 de setembro na cidade de Pontevedra, segundo desvelou este mediodía o delegado territorial, Luis López, na presentación deste novidoso evento organizado pola empresa Esmerarte.

 

Este acto, que tivo lugar na alameda pontevedresa, tamén contou coa presenza do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e da organización dunha cita que conta cunha achega de 200.000 euros por parte da Xunta de Galicia, así como da colaboración de Artesanía de Galicia.

 

“Dende a Xunta apoiamos todo o que poña en valor o noso territorio apostando pola calidade e a sostenibilidade e, sen dúbida, a nosa gastronomía é a mellor embaixadora desta terra, polo que colaboramos decididamente cun evento de formato innovador e que ademais ten o gran acerto de mesturar tradición e modernidade, que é o que queremos proxectar da nosa terra”, sinalou o representante autonómico.

 

A primeira edición de FERVE desenvolverase ao final do verán en Pontevedra con xornadas abertas a toda a cidadanía entre os días 16 e 18 de setembro na Alameda de Pontevedra.

 

“Estamos a falar dun evento concibido como punto de encontro da gastronomía e da cervexa, que ademais se tratará de levar fóra da nosa comunidade e que reinventa as tradicionais romarías cun concepto transversal, artesanal e innovador, polo que dende a Xunta cremos que é perfecto para o que queremos promocionar da nosa comunidade e que, paralelamente, amosa o noso apoio á candidatura de Pontevedra para ser Capital Gastro 2023”, admitiu Luis López.

 

FERVE contará con stands e escenarios na alameda pontevedresa para despregar a súa área de degustación, os concertos musicais de artistas galegos de recoñecido prestixio e as actividades de cata, obradoiros ou mercado en torno á cervexa. O aspecto gastronómico estará comisariado polo chef de dúas estrelas Michelín Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau do Grove, e contará coa presenza de recoñecidos cociñeiros como Pepe Solla, Xosé Cannas e moitos outros de ámbito galego ou nacional.

Imaxes relacionadas