A Xunta organiza visitas guiadas á intervención arqueolóxica do xacemento de Adro Vello

O Goberno autonómico programa actividades mañá e o día 29 para coñecer os traballos de conservación e posta en valor que se están levando a cabo
 

Haberá sesións ás 10,30, 12,00, 17,30 e 19,00 horas, e recoméndase o uso de roupa cómoda, calzado pechado e gorra
 

As prazas están limitadas a 15 persoas por quenda e as visitas duran 50 minutos
 

O Grove (Pontevedra), 21 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia organiza visitas guiadas para coñecer os traballos de conservación que se están levando a cabo na zona arqueolóxica de Adro Vello, onde o Goberno galego ten en marcha unha actuación para poñer en valor este conxunto situado no concello do Grove xunto á praia do Carreiro.

 

Estas visitas, que se repartirán en quendas de 15 persoas, terán lugar durante a xornada de mañá e a do vindeiro venres, día 29. Nestes días, haberá dispoñibles catro sesións, dúas pola mañá e outras dúas pola tarde, cunha duración de 50 minutos. As primeiras serán ás 10,30 e ás 12,00 horas e xa pola tarde as visitas terán lugar ás 17,30 e 19,00 horas.

 

Os interesados en participar nesta actividade poden apuntarse no correo electrónico reservas@xeitura.com indicando o seu nome, número de teléfono e horario. Ademais, para asistir recoméndase o uso de roupa cómoda, calzado pechado e gorra.

 

Alto valor patrimonial

A zona arqueolóxica de Adro Vello é un espazo único en Galicia que conta cun alto valor patrimonial e unha gran importancia histórica, arqueolóxica, científica e cultural. Tanto é así que hai uns meses iniciouse o proceso para declarar o xacemento Ben de Interese Cultural (BIC) co fin de garantir a correcta conservación dun conxunto clave para comprender o pasado e presente da comarca do Salnés.

 

A intervención que está actualmente en marcha conta cun orzamento de 50.000€ ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Universidade de Vigo mediante o que, ademais, un equipo de multidisciplinar de investigadores traballa na zona para afondar nos restos do xacemento.

 

En concreto, os traballos inclúen a retirada de tapados antigos, a realización de sondaxes arqueolóxicas e a escavación de tumbas con restos óseos humanos. O proxecto complétase coa roza e limpeza de estruturas e con labores de conservación e consolidación no xacemento.

 

Restos de época romana e altomedieval

A zona arqueolóxica de Adro Vello presenta numerosos restos de época romana e altomedieval de gran interese arqueolóxico, científico e cultural. Concretamente, os restos existentes inclúen desde unha factoría romana de salazón e unha vila romana, ata unha área de explotación de recursos mariños ou restos de estuco, cerámica e cantería.

 

Conta tamén con restos dunha necrópole de inhumación con ata dez niveis de soterramento, dunha igrexa altomedieval de planta basilical e cabeceira cadrada, documentada historicamente a finais do século IX d.C., aínda que con presenza de pezas ornamentais anteriores de feitura visigoda. Tamén se documentaron restos dun conxunto defensivo baixomedieval (torre e cerca) e unha ara dedicada á deidade local Deverius.

 

Ademais da importancia para o estudo da época romana, esta zona tamén supón un punto estratéxico da tradición xacobea que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero.

Imaxes relacionadas