A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na presentación do evento musical que terá lugar os días 19 e 20 de agosto en Covas

O festival ‘Nachiños Fest’ incorpórase á programación de concertos do Xacobeo 21-22 en Ferrolterra

“É un festival que introduce unha nova oferta musical na temporada de verán en Ferrolterra, a música indie, e que tan ben ten combinado con elementos tan identificadores da nosa comarca como son o surf e a natureza”, indica
 

Aneiros destaca o esforzo inversor da Xunta a través do Xacobeo e a súa aposta por descentralizar a oferta lúdica e cultural deste ano para que as diferentes localidades se beneficien do retorno económico que suporán estas celebracións
 

Ferrol, 21 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, participou hoxe na presentación da última incorporación á programación do concertos do Xacobeo 21-22, o festival Nachiños Fest que terá lugar os días 19 e 20 de agosto no campo das Cabazas, en Covas.

 

 

A representante autonómica estivo acompañada dun dos promotores do evento, Fernando Amador, e do tenente de Alcalde, Antonio Golpe, Aneiros, e destacou a boa saúde desta proposta musical que alcanza este ano a súa terceira edición. “Un festival que introduce unha nova oferta musical na temporada de verán en Ferrolterra, a música indie, e que tan ben ten combinado con elementos tan identificadores da nosa comarca como son o surf e a natureza”, indicou a delegada na súa intervención. “É precisamente esa oferta de diferentes estilos e para diferentes públicos o que a Xunta pretende promover neste ano tan especial”, sinalou.

 

Martina Aneiros agradeceu o traballo dos “promotores e organizadores destes eventos musicais” pola súa contribución a “poñer a comarca e  a Galicia á vangarda do panorama musical nacional e mesmo europeo neste ano tan especial como é o do Xacobeo”.

 

Tamén destacou o importante esforzo que se ten feito desde a Xunta de Galicia, a través do Xacobeo 21-22, á hora de apoiar este eventos, así como o obxectivo de procurar unha descentralización da oferta lúdica e cultural deste ano para que as diferentes localidades se beneficien do retorno económico que suporán estas celebracións. “Penso que o estamos a conseguir”, dixo.

 
 
 
 

No acto, que se desenvolveu na tenda efémera habilitada pola organización no 148 da rúa Magdalena onde está habilitado un mercadillo solidario a favor da AECC e se pode adquirir material de promoción do evento, un dos organizadores, Fernando Amador, debullou o cartel do evento que conta con artistas da talla de Sen Senra, Carolina Durante, Baiuca ou Cariño, entre outros.

 

Preto dunha decena de espectáculos na comarca

Na comarca de Ferrolterra, a Xunta de Galicia apoia preto dunha decena de espectáculos no marco dos concertos Xacobeo 21-22. Así este mes de xullo desenvolvéronse os festivais Jazz ao Norte, Sons de Curuxeiras ou o Festival Internacional do Mundo Celta, a edición máis longa da historia do evento.

 

A próxima cita será mañá venres co Ferrol Verán Festival e a máis que esperada actuación da artista británica Bonnie Tyler que terá lugar na parte posterior da lonxa portuaria -no interior do Porto-, ás 22.30 horas. Antes, a partir das sete da tarde, actuarán no marco deste evento bandas como Malditos Pendejos ou o tributo a Janis Joplin, entre outros.

 

Completan as propostas dos concertos do Xacobeo 21-22 polo momento, as actuacións de Coque Malla, no paseo marítimo de Xuvia (Narón) e Rozalén (na praza de Armas). Ámbalas dúas o 26 de agosto.

Imaxes relacionadas