A Xunta clausura o obradoiro de emprego compartido por Vilalba e Abadín coa entrega dos diplomas aos 20 participantes

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliña que se destinaron 369.500 euros ao proxecto, incluíndo os incentivos para a contratación de 15 alumnos durante un mínimo de tres meses en empresas locais

Vilalba (Lugo), 21 de xullo de 2022

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade clausurou o obradoiro de emprego Terra Cha no Camiño II, que compartiron os concellos de Vilalba e Abadín e no que se formaron 20 alumnos traballadores.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo entrega dos diplomas que acreditan a formación nas distintas especialidades. Así, os oito alumnos que desenvolveron a actividade en Abadín formáronse en Pavimentos e albanelería de urbanización, mentres que en Vilalba distribuíronse seis en Operacións auxiliares en acabados ríxidos e urbanización e outros tantos en Operacións de gravación de datos e documentos.

 

A Xunta investiu 369.500 euros neste obradoiro dual, que inclúe incentivos á contratación para 15 dos participantes. Deste xeito, rematado o contrato de nove meses de formación e práctica laboral nos respectivos concellos, os seleccionados poderán incorporarse durante un período mínimo de tres meses a xornada completa en empresas locais de sectores relacionados coas especialidades impartidas.

 

Neste sentido, Arias destacou que os obradoiros son unha medida de mellora da empregabilidade que proporciona os coñecementos necesarios e experiencia laboral en actividades cos boas perspectivas de inserción, ao tempo que realizan obras e servizos de interese para a comunidade.

 

Así, nesta última edición continuaron coas tarefas de dixitalización do arquivo municipal de Vilalba que xa acometeran obradoiros anteriores, e realizaron obras de humanización da travesía Coronel Pena, no casco urbano. En Abadín executaron a segunda fase da renovación dos pavimentos das beirarrúas na avenida de Galicia.

 

Arias destacou que “este ano estamos a piques de notificar as concesións dunha nova convocatoria de obradoiros duais que permitirá formar a unhas 1.600 persoas en Galicia con dúas grandes novidades: un incremento do orzamento do 23%, superando así os 42 millóns de euros, e un maior período de formación do alumnado, pasando dos 9 aos 12 meses de duración".

Imaxes relacionadas