Trenor clausura o obradoiro de Arteixo e anima ao seu alumnado a aproveitar estes nove meses de formación para atopar un emprego

O delegado da Xunta clausurou este programa de emprego que se centrou en Limpeza en Espazos Abertos e Instalacións Industriais
 

O representante do Goberno galego subliñou que os programas formativos da Xunta están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta
 

Arteixo (A Coruña), 21 de xullo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, clausurou esta mañá o obradoiro de emprego de Limpeza en Espazos Abertos e Instalacións Industriais. Este programa contou cun apoio da Xunta de 346.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

Trenor explicou a gran utilidade deste tipo de formación porque ademáis de mellorar as capacidades para que as persoas sen emprego atopen un traballo, complementase con tarefas nos concellos e con prácticas nas empresas da contorna.

 

O representante do Goberno galego destacou o compromiso do Concello de Arteixo coa empregabilidade porque leva anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e consegue importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afronta.

 

O delegado da Xunta subliñou a implicación do Goberno galego por “apostar por unha oferta formativa de primeiro nivel” para poñer ao alcance da sociedade “a formación máis innovadora, os recursos de máis calidade e todas as oportunidades posibles para poder atopar un emprego”.

Trenor lembrou que na comarca do Coruña financiáronse 11 obradoiros de emprego, para os que a Xunta reservou 1,1 millóns de euros para mellorar a formación de 212 persoas sen emprego.

 

Entre outras accións máis importantes da Xunta, que tamén se desenvolven na contorna desta comarca, destacan as Accións Formativas para Desempregados (AFD), que este ano contan con 163 cursos nesta área e cun investimento de máis de 6,1 millóns de euros para formar a 2.445 alumnos e os sete PIE, (Plans Integrados de Emprego) nos que se están a formar a 700 desempregados cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros

 

Neste senso, Trenor lembrou que en total a Xunta está a investir na comarca da Coruña 11 millóns de euros, en 180 programas de formación para axudar a máis de 3.350 persoas sen emprego para facilitarlles a búsqueda dun traballo cando rematen o seu período formativo e as súas prácticas en empresas.

Imaxes relacionadas