A Xunta inicia a mellora do firme na autoestrada do Val Miñor e no tramo A Coruña–Carballo da AG-55, que suporá un investimento de 1,55 M€

Na AG-57 procederase á eliminación do chanzo lateral, executando un recrecido nas beiravías, de xeito que se iguale en altura todo o ancho, mellorando a seguridade
 

Actuarase sobre as características superficiais do pavimento en ambas as autoestradas e na AG-57 tamén se realizarán traballos de fresado e selado de fisuras
 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé rematar os traballos en 5 semanas no caso da AG-55, e en 14 semanas na AG-57
 

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras
 

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe a mellora do firme na autoestrada do Val do Miñor (AG-57) e no tramo A Coruña–Carballo da AG-55, que suporá un investimento de 1,55 M€.

 

Os traballos consistirán na mellora das características superficiais do pavimento, para o que se aplicará unha capa de microaglomerado en frío.

 

Tamén se executará un recrecido da beiravía, cun ancho variable entre 0,8 e 2,1 metros, que abarcará a totalidade da AG-57 e 300 metros do ramal AG-57N.

 

Procederase, así, á eliminación do chanzo lateral nas beiravías da AG-57, xa que actualmente a capa de rodaxe non acada todo o ancho da plataforma. Coa intervención que se vai acometer igualarase en altura todo o ancho da beiravía, mellorando a seguridade.

 

Tamén se executarán traballos de fresado de 6, 8 ou 12 centímetros, segundo os tramos, e procederase ao selado de fisuras na AG-57 e na AG-57N nunha lonxitude total de 5.450 metros.

 

Prevese que os traballos se realicen en cinco semanas no caso da AG-55, e en algo máis, arredor de catorce semanas, no caso da AG-57, dependendo sempre das condicións climatolóxicas.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Imaxes relacionadas