A xunta aborda cos concellos do Barbanza e Porto do Son a proposta de reforzo dos servizos de autobús que conectan a bisbarra con Santiago

A concesionaria do servizo propón crear unha liña directa entre Ribeira e Compostela cunha duración reducida estimada en 60 minutos


As distintas localidades do Barbanza disporían así de servizos lanzadeira coordinados para acceder ás expedicións directas


Para reducir os tempos de viaxe tamén se formulan servizos semidirectos, por estrada entre Ribeira e Rianxo, que continuarían directos ata Santiago de Compostela


A Dirección Xeral de Mobilidade e os concellos avaliarán máis polo miúdo a proposta trasladada pola empresa para avanzar na mellora do transporte público na comarca

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2022

A Xunta abordou hoxe cos concellos da comarca do Barbanza e co Concello de Porto do Son unha proposta de mellora dos servizos de autobús que conectan a bisbarra con Santiago de Compostela.

 

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na provincia da Coruña, José Antonio Álvarez, mantiveron esta mañá en San Caetano unha xuntanza co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo; de Rianxo, Adolfo Muíños; de Ribeira, Manuel Ruiz; coa xerente da Mancomunidade Barbanza Arousa, Fátima Cachafeiro; e con representantes da empresa concesionaria do transporte público.

 

O encontro dá continuidade ao mantido o pasado mes de outubro no que os representantes municipais quedaron emprazados a trasladar as súas achegas para unha proposta de reestruturación dos servizos formulada pola empresa concesionaria do transporte público na zona.

 

No novo deseño presentado hoxe, a concesionaria analizou e tivo en conta as enquisas realizadas polos concellos entre a veciñanza para coñecer de primeira man as necesidades dos usuarios.

 

A nova proposta elaborada polo operador prevé unha redución dos tempos de viaxe con Santiago de Compostela e a mellora das conexións na bisbarra.

 

A configuración deseñada inclúe crear servizos directos entre Ribeira e Santiago de Compostela cunha duración estimada en 60 minutos, que estarían conectados co resto de localidades do Barbanza a través de 3 liñas lanzadeira.

 

Outros servizos serían semidirectos, por estrada entre Ribeira e A Ponte de Té, no concello de Rianxo, continuando cara a Santiago de Compostela por autoestrada.

 

A oferta de servizos da conexión coa capital galega completaríase con liñas por estrada con itinerario por Padrón ou por Noia, atendendo deste xeito tamén ao concello de Porto do Son.

 

A reestruturación destes servizos acompáñase dunha mellora das comunicacións entre as poboacións da comarca do Barbanza a través das liñas que atenden o traxecto parcial entre Ribeira e Boiro por estrada.

 

A nova proposta presentada na xuntanza recolle tamén as posibilidades de axustar a oferta segundo a evolución da demanda ao longo do ano. Máis en detalle, tense en conta que existen liñas que rexistran un pico de usuarios no verán e valórase mellorar a oferta durante as festividades.  

 

A proposta de reestruturación detallada hoxe pola empresa será avaliada máis polo miúdo pola Dirección Xeral de Mobilidade e polos concellos do Barbanza e de Porto do Son para avanzar no reforzo do transporte público na bisbarra.