A Xunta reclama ao Goberno central unha partida específica para financiar a conversión de profesores técnicos de FP en docentes de Secundaria

Na Conferencia Sectorial de Educación celebrada hoxe, Galicia pediu fondos para facer fronte a estes sobrecustos que, no caso da nosa Comunidade, se estiman en case 2,7M€


O Goberno galego avalía positivamente esta integración do profesorado, pero lamenta que, unha vez máis, os cambios lexislativos non veñan acompañados dunha dotación orzamentaria para que as comunidades autónomas os poidan realizar


Como xa advertiu Galicia, este é un problema creado por Moncloa coa nova Lei de Educación, que eliminou esa figura docente, algo que despois se veu obrigado a intentar solucionar coa nova Lei de FP

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia reclamou hoxe ao Goberno central unha partida específica que axude ás comunidades autónomas a facer fronte ao sobrecusto de persoal que supón a aplicación das novas leis estatais de Educación e de FP. Trátase, en concreto, da conversión de profesores técnicos de FP en docentes de Secundaria, que no caso de Galicia, se estima que terá un sobrecusto de preto de 2,7M€.

 

A Xunta avalía positivamente que os profesores técnicos de FP que reúnan os requisitos poidan integrarse no corpo de profesores de Ensino Secundario, solucionando así o problema creado polo Ministerio de Educación, que suprimiu a estes especialistas de Formación Profesional na nova lei educativa Lomloe e intenta solucionar a situación coa nova Lei de Formación de Profesional. Pero ao mesmo tempo, Galicia lamenta que, unha vez máis, o Goberno central deixe sobre o tellado das comunidades autónomas o financiamento extra que supoñen os cambios lexislativos impostos, como é o caso.

 

Así pois, na liña das reivindicacións de numerosas comunidades autónomas de distinto signo político efectuada este mércores, o Goberno galego reclamou que se dote unha partida específica finalista para facer fronte ao sobrecusto de persoal derivada desa integración. Xa cando a Lomloe suprimiu esta figura docente, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades advertiu do erro e dos problemas que traería consigo.

 

A reunión celebrada hoxe contou coa participación do director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez. Tiña como único punto da orde do día o borrador do Real Decreto polo que se regula a integración do profesorado do corpo a extinguir de profesores técnicos de formación profesional no corpo de profesores de Secundaria.

Imaxes relacionadas