Rueda destaca que os sete robots cirúrxicos Da Vinci instalados fai un ano no Sergas xa realizaron máis de 1.500 intervencións en cinco especialidades médicas

Cun investimento superior aos 56 M€ aplicáronse para cirurxías máis precisas e menos invasivas desde a extirpación de tumores ata a instalación de bypass gástricos
 

O titular do Executivo galego enmarcou a adquisición destes equipos dentro do investimento do Sergas para este 2022 de máis de 90M€ para dotar os centros sanitarios do último en tecnoloxía
 

Ferrol, 20 de xullo de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que os sete robots cirúrxicos Da Vinci instalados fai un ano no Sergas xa realizaron máis de 1.500 intervencións en cinco especialidades médicas.

 

“Trátase dun antes e un despois”, valorou o titular do Executivo autonómico, tras a visita que realizou hoxe ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para coñecer o funcionamento deste equipamento no primeiro aniversario da súa implantación. Na súa intervención, salientou que estes robots cumpren cun dos “obxectivos prioritarios” do sistema sanitario público galego; o de “aproveitar a tecnoloxía” -que neste caso supuxo un investimento superior aos 56M€ en instalación, mantemento e material- para “unha atención de máis calidade” aos pacientes ao evitar cirurxías “invasivas”.

 

“En Galicia estamos xa a un nivel que nada ten que envexar a doutras comunidades”, enxalzou o presidente, con respecto aos equipamentos en “altísima tecnoloxía” cos que conta o sistema sanitario galego e que o colocan nunha situación “punteira”.

 

Rueda aclarou que o criterio á hora de instalar estes equipos foi a “equidade”. “Non queriamos que houbese quen tivese que desprazarse a outra provincia para ser operado”, argumentou. Por iso,  lembrou que fai 12 meses se instalou un robot Da Vinci en cada área sanitaria “sen distinción” e con aplicación tanto en cirurxía xeral, como en uroloxía, xinecoloxía, otorrinolaringoloxía ou cirurxía torácica e que foron eficaces para extirpar tumores, instalar bypass gástricos ou operacións de cadrís e de útero.

 

O titular do Executivo galego salientou o feito de que máis de 200 sanitarios recibiron formación para usar estes robots ou asistir os equipos que os dirixen durante as intervencións e agradeceu o feito de que “cada vez máis profesionais estean interesados” para sacarlle “a máxima rendibilidade”.

 

Investimento equipamento Sergas

O presidente do Goberno galego enmarcou estes robots Da Vinci na aposta desde hai anos da Xunta por dotar os centros sanitarios do último en tecnoloxía. Así, apuntou que só nos orzamentos desde 2022 cóntase con máis de 90 M€ para a adquisición e instalación de tecnoloxía.

 

En concreto, aclarou que se empregarán máis de 61 millóns de euros dos fondos europeos para renovar e instalar equipamento de alta tecnoloxía nos hospitais galegos, dos cales 5,2 M€ irán destinados ao Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para renovar TACs, instalar dúas resonancias e incorporar, por vez primeira na área, un equipo de radioloxía vascular intervencionista.

 

Ademais, apuntou que destes 90 M€ destinaranse 3 millóns a renovar máis de 50 mesas cirúrxicas do Sergas; 780.000€ a adquirir respiradores para as novas áreas de Urxencias e UCI dos hospitais da Coruña e Santiago, e 1,3M€ para equipar as novas áreas de especialización e endoscopia dos hospitais do Salnés e Barbanza.

 

Actuacións Sergas no Hospital de Ferrol

En todo caso, o presidente da Xunta advertiu que de nada serviría dotar os centros do último en tecnoloxía sen adaptar as instalacións sanitarias ás novas necesidades de pacientes e sanitarios. Por iso, salientou que a Xunta ten en marcha o Plan Director do Hospital de Ferrol, dotado con 131 M€.

 

Sobre este plan, lembrou que xa na súa primeira fase de execución se está a traballar en tres obras, orzamentadas en 50 millóns de euros, para ampliar nun 54% a superficie do hospital e finalizar en outubro a nova área de radioloxía; en melloras nos accesos; e en ampliar o aparcadoiro do Hospital Naval de Ferrol, con 266 novas prazas para que estea en funcionamento a finais do verán. E concluíu anunciando que está previsto licitar este ano o proxecto arquitectónico da segunda fase deste Plan director.

Imaxes relacionadas