Trenor supervisa na Baña os traballos dos alumnos do obradoiro de emprego “Promoción 2021” de mellora de montes e revestimentos en construción

O delegado da Xunta destacou que na área de Santiago se impartiron 10 obradoiros nos que se cualificaron a84 desempregados en ámbitos con gran demanda de emprego

O representante do Goberno galego subliñou que os programas formativos da Xunta están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta
 

A Baña (A Coruña), 20 de xullo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou aos alumnos do obradoiro de “Promoción 2021” centrado en Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Monte e en Operacións Auxiliares de Revestimentos Continuos en Construción. Estes programas contaron cun apoio da Xunta de 376.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

Trenor explicou a gran utilidade deste tipo de formación, que está a piques de rematar, porque mellora as capacidades para que as persoas sen emprego atopen un traballo, xa que inclúe tarefas nos concellos e prácticas nas empresas da contorna. Concretamente, no Concello da Baña os alumnos realizaron actuacións na escola da Corneira, crearon un parque micolóxico na finca Pedra Miñata, realizaron o mantemento da via Mariana, a levaron a cabo actuacións de mellora nas áreas recreativas de Fiopáns, Chousa e Chans.

 

Trenor destacou o compromiso dos concellos da Baña, Val do Dubra, Negreira e Santa Comba, asociados para sacar adiante este taller, coa empregabilidade porque levan anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afrontan.

 

O delegado da Xunta apuntou que o Goberno galego “seguirá a apostar por estes programas nunha nova convocatoria para o 2023, xa que estes obradoiros son un dos mellores e máis efectivos instrumentos para axudar ás persoas sen emprego a atopar um traballo na súa contorna e en áreas con alta demanda de profesionais”.

 

Trenor destacou que na comarca de Santiago estanse a desenvolver 10 obradoiros de emprego, para os que a Xunta reserva 3,5  millóns de euros para mellorar a formación de 184 desempregados.  Entre outras accións máis importantes da Xunta, que tamén se desenvolven na contorna desta comarca, destacan as Accións Formativas para Desempregados (AFD), que este ano contan con 79 cursos nesta área e cun investimento de máis de 2,8 millóns de euros para formar a 1.185 alumnos e os  sete PIE, (Plans Integrados de Emprego) nos que se están a formar a 700 persoas sen emprego cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros.

 

Neste senso, Trenor lembrou que en total a Xunta está a investir na comarca de Santiago 7,4 millóns de euros, en 96 programas de formación para axudar a máis de 2.000 desempregados da comarca para facilitarlles a búsqueda dun traballo cando rematen o seu período formativo e as súas prácticas en empresas.

Imaxes relacionadas