A Adega Agro de Bazán recibe o certificado que acredita o selo de garantía de Galicia Calidade

O delegado territorial, o director xeral de Comercio e Consumo e a directora xerente de Galicia Calidade percorreron a adega e destacaron a personalidade dos Albariños Granbazán.

 

Vilanova de Arousa, 20 de xullo de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, achegáronse a Adega pontevedresa Agro de Bazán para facer entrega do certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, outorgado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, ao seu representante, Adolfo Picáns.

 

Esta empresa, que naceu hai máis de 35 anos da man dun ambicioso proxecto vitivinícola, ten a súa plantación na parroquia vilanovesa de Tremoedo e é todo un referente na Denominación de Orixe Rías Baixas.

 

O selo, con validez para os próximos tres anos, permitirá á empresa incluír o distintivo nas etiquetaxes dos produtos certificados, así como nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

 

Ademais, os viños Granbazán contan con diversos recoñecementos e distintivos, os máis recentes son os obtidos o pasado 7 de xullo, nos premios da XXXIV Cata de viños de Galicia, evento que a Xunta organiza xunto ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas para recoñecer a calidade dos viños galegos en diferentes categorías.

 

A Adega recibiu dous galardóns: o viño Don Álvaro de Bazán conseguiu alzarse co Acio de Ouro na sección de Viños de Colleitas anteriores, obtendo desta maneira o máximo recoñecemento na súa categoría. Mentres, o viño Limousin foi distinguido co Acio de Prata na categoría de Viños de Elaboracións con madeira.

 

O delegado territorial,  Luis López, quixo poñer en valor o que supón para Galicia adegas como Agro de Bazán por ser “un espello no que mirarse pequenas adegas que queren tamén exportar os seus viños fóra das nosas fronteiras e por ser un importante factor de dinamización do rural, xerando postos de traballo e cultivando terras que, doutro xeito, poderían quedar abandonadas”.

 

O director xeral de Comercio, Manuel Heredia, aproveitou esta xuntanza para destacar o conxunto das 148 empresas certificadas con máis de 750 produtos e servizos certificados co selo de garantía, que engloban os sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e planta ornamental.

 

No sector do viño, Galicia Calidade conta na actualidade cun total de 19 adegas certificadas. Por D.Os, A Coroa, Bodegas Ruchel, Viños do Barco e Terriña na D.O. Valdeorras; Regina Viarum, Vía Romana e Finca Míllara, na Ribeira Sacra; Viña Costeira e Bodegas Nairoa no Ribeiro; Gargalo e Quinta do Buble en Monterrei; e na D.O. Rías Baixas, á xa comentada Agro de Bazán habería que sumar Adega dos Eidos, Valtea, Altos de Torona, Paco & Lola, Terra de Asorei, Adegas Valdés, Señorío de Rubiós.

Imaxes relacionadas