A Xunta renova a colaboración coas federacións de asociacións de veciños para apoiar as súas actuacións en favor da mellora da vida local

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, asinou hoxe o convenio coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE) e cinco das súas federacións cunha achega de case 65.000 euros

O Goberno galego destina ademais axudas anuais a melloras nos locais das entidades veciñais e á adquisición de equipamento que na convocatoria deste ano conta cun 20% máis de orzamento ata acadar os 3M€ e xa se están a resolver
 

Lugo, 20 de xullo de 2022.-

  O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou hoxe o convenio de colaboración coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE), por un importe de case 65.000 euros, mantendo así a colaboración e apoio da Xunta tanto á propia confederación como cinco das federacións veciñais que a integran. Na sinatura tamén estivo presente a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

A Xunta renova así o seu compromiso e apoio coas federacións de veciños da comunidade, mantendo a colaboración e interlocución cunha entidade que entidade que reúne á meirande parte das federacións veciñais de Galicia, contribuíndo á mellora da calidade da vida local e a dinamizar o movemento veciñal de Galicia. De feito, nos últimos anos o investimento do Goberno galego froito desta colaboración supera os 644.000 euros.

 

Mediante o presente convenio, a Administración autonómica apoia os gastos de funcionamento e as actividades levadas a cabo pola Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti, a Federación de Asociacións de Veciños de Ourense Limiar, a Federación de Asociacións de Veciños de Pontevedra Castelao e a Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao de Vigo, así como da propia Confederación Galega de Asociacións Veciñais.

A colaboración da Xunta coas federacións e asociacións de veciños materializase non só a través deste acordo, senón tamén coa orde de axudas no marco do Plan específico de acción comunitaria destinadas a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.

O vicepresidente segundo lembrou que a Xunta vén de renovar esta orde, na que o Goberno galego incrementou este ano o orzamento nun 20%, ata acadar os 3 millóns de euros, na súa aposta polo asociacionismo veciñal. O Goberno galego xa está a resolver as solicitudes recibidas nesta convocatoria.

Da convocatoria do ano pasado desta liña de axudas beneficiáronse 173 entidades veciñais da comunidade ás que a Xunta destinou 2,5 millóns de euros. Na provincia de Lugo, foron unha trintena de entidades beneficiarias e percibiron un total de 433.400 euros para financiar o acondicionamento, a reforma ou a ampliación dos seus locais sociais, así como a compra do equipamento necesario para o seu funcionamento. No caso das comunidades de usuarios de augas tamén se apoian os proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga para garantir o abastecemento.

 

En total, desde a posta en marcha destas axudas en 2016 o investimento da Xunta nestas subvencións acada os 16 millóns de euros.

Imaxes relacionadas