A Xunta impulsa a modernización e dotación de eficiencia enerxética e a reforma dos aseos do CEIP Viñas de Poio cun investimento de 389.000€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde, Luciano Sobral, informa do próximo comezo das obras de substitución de todas as carpintarías exteriores nunha visita ao colexio público

“Esta actuación vai mudar por completo o estado do centro e seu illamento interior para que as instalacións sexan plenamente confortables para as preto de cen persoas que conforman a súa comunidade educativa”, manifestou o representante autonómico

O Goberno galego, que destina este ano 2,5 M€ á renovación de carpintarías de once centros da provincia, tamén vai destinar máis de 90.000€ ao cambio de luminarias no IES de Poio no marco do plan de investimentos para o municipio en materia de educación
 

Poio, 20 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, vai impulsar de inmediato a modernización e dotación de maior eficiencia enerxética ao CEIP Viñas, no Concello de Poio, cun investimento de 340.000€ para o cambio das súas carpintarías exteriores e de 49.000€ para a reforma dos aseos do centro educativo.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde, Luciano Sobral, o xefe territorial de Educación César Pérez, e outros representantes municipais e educativos, informou do próximo comezo destas obras, para o seu desenvolvemento durante os meses centrais do verán, nunha visita a este colexio público.

 

Ambas actuacións, que xa están adxudicadas e pendentes da data de inicio, consistirán na substitución de todas as fiestras e portas exteriores, así como a reforma completa dos aseos, co obxectivo de mellorar as condicións interiores do edificio e facilitar o desenvolvemento da actividade lectiva.

 

“Esta actuación vai mudar por completo o estado do centro, o seu illamento térmico e  interior para que as instalacións sexan plenamente confortables para as preto de cen persoas que conforman a súa comunidade educativa e que ademais desenvolven numerosos procedementos pedagóxicos innovadores que merecen o noso esforzo”, explicou o representante autonómico.

 

Este proxecto enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e que persegue, en base ao deseño do Comité Educativo da Xunta, a adaptación dos centros educativos públicos á nova realidade tras a pandemia e á necesidade de contar con espazos máis ventilados, abertos, versátiles, multifuncionais e confortables para o desenvolvemento das clases e doutras actividades.

 

Ao abeiro deste plan, o Goberno galego vai destinar este ano 2,5 millóns de euros á renovación de carpintarías exteriores en once centros de nove municipios da provincia de Pontevedra, entre cuxas obras destaca a do CEIP Viñas, e tamén 1,1 millóns de euros ao cambio de luminarias, por outras máis eficientes con tecnoloxía Led. No marco desta segunda liña de actuación, a consellería vai destinar 90.963 euros a estas obras no IES de Poio, tamén emprazado neste concello.

Imaxes relacionadas