A Xunta contribúe á vindeira carteleira semestral do Principal de Ourense con oito funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa na presentación da actividade deste recinto polo que pasarán a nova proposta de Sarabela Teatro ou a coprodución do Centro Dramático Galego con Ainé ‘Continente María’

O circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e entidades locais ofrecerá ata fin de ano 26 actuacións artísticas na provincia de Ourense
 

Ourense, 20 de xullo de 2022.-

A Xunta de Galicia contribúe con oito funcións de seis espectáculos á carteleira do Teatro Principal de Ourense até finais de ano no marco da  programación para este segundo semestre da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de exhibición de espectáculos que cofinancia a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto con 37 entidades locais adheridas. A primeira obra que chegará ao escenario ourensán será Contos arraianos, o novo espectáculo de Sarabela Teatro baseada en textos de Xosé Luís Méndez Ferrín da que poderemos ver dúas funcións os días 17 e 18 de setembro dentro do programa da rede, tras a súa estrea oficial o día 16. 

 

Así o adiantou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, nun acto compartido co vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, e coa directora do Teatro, Olga Mojón. Sutil salientou a “calidade e variedade” da ampla oferta que se pon a disposición do público e que inclúe máis dunha trintena de espectáculos para os vindeiros seis meses, aos que cómpre sumarlles as programacións aínda por pechar de eventos como o Festival de Cine de Ourense, o Festival Internacional de Teatro de Ourense ou o cartel de proxeccións do Cineclube Padre Feijoo.

 

O representante da Xunta manifestou a satisfacción que supón para a Consellería de Cultura contribuír a “esta rica selección de propostas escénicas” con seis obras, unha delas coproducida polo Centro Dramático Galego: Continente María. Esta montaxe, creada por Ainé Producións, retrata no seu centenario a María Casares a través da interpretación de Melania Cruz e a dirección de Tito Asorey.

 

A peza sobre a actriz coruñesa que triunfou en Francia chegará ao Principal o 11 de decembro para pechar unha carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios que comezará en setembro coa nova produción de Sarabela e que continuará coas formacións artísticas Ron Lalá, que representará o 4 de novembro Villa y Marte; Talía Teatro, que fará o propio o 13 dese mesmo mes coa súa obra Morte accidental dun anarquista, e Mar-Mar que ofrecerá unha función de Tarzán xusto unha semana despois. O programa complétase con dúas funcións da obra Doble o Nada, da compañía do mesmo títiulo, que se desenvolverán os días 2 e 3 de decembro.

 

Heredeiros no Carballiño

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá na provincia ourensá entre xullo e decembro 26 funcións repartidas entre os escenarios dos catro concellos adheridos. Ás oito actuacións artísticas de Ourense cómpre sumarlles as nove do Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, as sete do Auditorio Manuel María do Carballiño e as dúas do Centro Cultural Avenida da Rúa.

 

A primeira destas funcións celebrarase esta semana no Carballiño e correrá a cargo de Heredeiros da Crus, cun concerto dentro da xira do 30ª aniversario da banda que terá lugar na praza Maior á medianoite deste venres 22. A programación nesta vila incluirá nos próximos meses os espectáculos Antes muerta que convicta, de Beatriz Rico (26 de novembro); Brinca Vai! (de aquí a acolá), de Paco Nogueiras (27 de novembro); Magia y más allá, de Luis Boyano (3 de decembro); Manola, de Malasombra  (4 de decembro), Pirolíticos, de Mofa&befa (8 de decembro), e A illa da deslembranza, de Ártika Cía (11 de decembro).

 

O Barco e A Rúa

O Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras abrirá o pano dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios coa montaxe As que limpan, de A Panadaría, o venres 7 de outubro. A partir dese momento, polo seu escenario pasarán durante o resto de venres dese mes as compañías Talía Teatro con Morte accidental dun anarquista, La Sonrisa del Lagarto coa súa peza La Mona Simona, e Ainé Produccións, con Continente María. En novembro as protagonistas serán Os Náufragos Teatro con Hugo (4 de novembro), Cámara Negra Teatro con Si esto es un hombre (18 de novembro) e Barrosanta con Ragazzo, (25 de novembro). Culturactiva con As alumnas e Elefante Elegante con Alma de tigre actuarán en decembro os días 2 e 9, respectivamente. Ademais, o Centro Cultural Avenida da Rúa contará con dous espectáculos dentro da rede xestionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais: o concerto da Banda do Verán o 30 de outubro e Último verán en Santa Cristina, de Teatro do Noroeste, o 19 de novembro.

 

A Rede Galega de Teatros e Auditorios puxo xa en marcha a súa programación para o segundo semestre deste 2022, durante o cal se celebrarán 201 funcións escénicas e concertos nos 37 concellos adheridos. Deste xeito, superaranse no cómputo anual as 500 actuacións de teatro, maxia, danza, circo e música que ofrecerán 181 formacións artísticas no 2022, para o que se dispón dun orzamento global que supera os 1,8 millóns de euros.

Imaxes relacionadas