A Xunta activa servizos de autobús especiais para as festas do Burgo, de Mera e do Parque Acuático de Cerceda

Os días 22 e 28 haberá dous servizos máis de ida entre A Coruña e O Burgo e para a volta habilitaranse dúas expedicións do 23 ao 27, e seis os días 22 e 28

As festas de Santa Ana, en Mera, disporán de dous servizos de ida desde Oleiros do día 24 ao 27 e outros tres de volta entre o 25 e o 28

A liña que funciona durante o verán entre A Coruña e o Parque Acuático de Cerceda refórzase con tres expedicións de ida o día 30 e catro de volta na madrugada do 31

O obxectivo da Xunta é facilitar mellores alternativas de viaxe en transporte público, de xeito que se reduzan os riscos da condución nocturna despois das xornadas de lecer
 

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2022

A Xunta activará servizos de autobús especiais entre os días 22 e 31 de xullo para as festas do Burgo, no concello de Culleredo; de Mera, no concello de Oleiros; e a festa do Cochiño do Parque Acuático de Cerceda.

 

Concretamente, para as festas do Burgo, os días 22 e 28 haberá dous servizos máis de ida entre A Coruña e O Burgo, e para a volta habilitaranse dúas expedicións do 23 ao 27, e seis os días 22 e 28.

 

Así, á ampla oferta de servizos habitual entre A Coruña e O Burgo, con frecuencias ata as 22,30 horas de luns a venres e ata as 21,00 horas as fins de semana, engadiranse os días 22 e 28 de xullo dúas expedicións posteriores desde a parada de Entrexardíns: ás 00,30 horas e ás 01,30 horas.

 

Para o regreso á Coruña, do día 23 ao 27 de xullo engadiranse, ás xa existentes, dúas expedicións desde a Ponte do Burgo ás 01,00 horas e ás 02,00 horas. Os días 22 e 28 de xullo, os usuarios disporán de seis frecuencias con saída cada media hora cara á Coruña entre a 01,00 e as 03,30 horas.

 

Durante as festas de Santa Ana, en Mera, do 24 ao 28 de xullo activaranse conexións con Oleiros de ida e volta. Para os desprazamentos á zona da verbena, do 24 ao 27 de xullo sairán da parada do concello de Oleiros un servizo ás 22,00 horas e outro ás 23,00 horas cara a Mera. O día 24 de xullo os usuarios disporán, ademais, dun servizo ás 21,00 horas.

 

As viaxes de regreso atenderanse con tres expedicións de Mera a Oleiros á 01,00, ás 02,00 horas e ás 03,00 horas entre os días 25 e 28.

 

A festa do Cochiño, que se celebra o día 30 de xullo no Parque Acuático de Cerceda, contará con servizos especiais que facilitarán os desprazamentos á cidadanía desde a Coruña e desde Cerceda.

 

A liña que conecta Entrexardíns e o parque acuático durante o verán reforzarase o día 30 con tres servizos de ida, con saídas desde A Coruña ás 19,00 horas, 21,00 horas e 22,00 horas; e con catro expedicións de regreso, que sairán na madrugada do 31 ás 01,30 horas, 02,15 horas, 03,00 horas e 03,30 horas. Os servizos de volta non farán a parada en Cerceda, para a que se habilitarán servizos 15 minutos antes: ás 01,15 horas, 02,00 horas, 02,45 horas e 03,15 horas.

 

Os menores de 21 anos poderán viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, ao igual que xa fan en todos os autobuses da Xunta. Os demais usuarios do transporte público da Xunta poderán beneficiarse dos descontos da tarxeta de transporte metropolitano TMG.

 

A información dos horarios dos servizos e as súas paradas poderán ser consultadas na web www.bus.gal.