Fernández-Tapias inaugura este xoves o village da Iacobus Maris para recibir á frota xacobea

A delegada da Xunta inaugurará este xoves (19:00 horas) a programación para recibir ao día seguinte no porto vigués á frota xacobea máis longa da historia

Catro días de actividades para nenos e maiores, con xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos na noite do venres e sábado e visitas guiadas aos barcos

Os veleiros que conmemoran a viaxe do corpo do Apóstolo Santiago xa están en camiño e chegarán a ría de Vigo este venres 22 de xullo (16:00 horas)
 

Vigo, 20 de xullo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, será a encargada de inaugurar este xoves (19:00 horas) o village que se instalará no peirao de Transatlánticos para dar a benvida ao día seguinte á frota de veleiros que converterá a Vigo durante catro días, do 21 ao 24 de xullo, no porto base da ruta xacobea máis longa da historia.

 

Fernández-Tapias lembrou que serán catro días de actividades para nenos e maiores, con xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos na noite do venres e o sábado e visitas guiadas e de balde aos barcos que atracarán na tarde do venres 22 de xullo.

 

“Queríamos implicar a toda a cidadanía viguesa nun dos eventos máis esperados deste Xacobeo 21-22, o regreso a Vigo dos grandes veleiros, un espectáculo único que Vigo non vive desde hai moitos anos e que grazas á implicación da Xunta poderemos gozar de novo", apunta Fernández-Tapias.

 

Os veleiros que conmemorarán a viaxe do corpo do Apóstolo Santiago partiron o 26 de xuño desde Génova e chegarán a Galicia este 22 de xullo, tras tocar os portos de Valencia (1 ao 3 de xullo), Sevilla (8 ao 10) e Oporto (16 ao 19).

 

“Eventos como esta ruta marítima contribúen de forma decisiva e sen lugar a dúbidas a colocar a Galicia no mapa, e a Vigo no lugar que se merece neste dobre Ano Santo, reivindicando o seu papel central no Camino de Santiago e, nomeadamente, no Camiño Portugués da Costa”, sinalou a delegada.

 

As embarcacións que chegarán son os españois VO70 “E1”, “Atyla”, “Pascual Flores”, “Atyla”, “Peregrina” e “Evangelina”; o portugués “Vera Cruz”, e o francés “Etoile”. A frota fará a súa entrada na ría de Vigo o venres, 22 de xullo, sobre as 15:00 horas para celebrar unha grande parada naval nas Cíes antes de entrar ao porto vigués.

Imaxes relacionadas