A Xunta agarda a comprobar sobre o terreo a eficacia das alternativas propostas polo Ministerio para o tráfico da A-6

O desvío que se porá en servizo mañá é unha actuación de mínimos que non acurta o paso pola N-VI nin polo núcleo de Pedrafita, xa que só permitirá o tránsito por ambas as calzadas nun treito da autovía, en lugar de por unha soa
 

O Goberno galego mantén que deberá acreditarse na práctica se o desvío para o tráfico en sentido Madrid que o Goberno anuncia para os vindeiros meses responde axeitadamente aos problemas de fluidez de tráfico, seguridade viaria e competitividade económica
 

Celebra que o Ministerio de Transportes recoñeza a necesidade de dar solución ao tránsito de transportes especiais, como viña reclamando o Goberno galego, e traballe na atención a esta demanda
 

Insiste en solicitar que se analice a proposta da Xunta, xa que representa a solución máis completa para a mobilidade da zona
 

A petición do Goberno galego, este mesmo venres haberá unha nova reunión técnica na que se seguirá abordando a proposta trasladada pola Xunta, por ser máis eficaz na resolución dos principais problemas de tráfico actuais
 

A Xunta apunta que, transcorridos máis de 40 días do colapso do viaduto do Castro, sería desexable ter máis explicacións por parte do Ministerio sobre as causas do derrubamento e do cronograma de actuacións previsto
 

Advirte que a demora nos traballos de enxeñaría forense para o esclarecemento das causas poderá alongar no tempo a execución da solución definitiva
 

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2022

A Xunta agarda a comprobar sobre o terreo a eficacia das alternativas propostas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para solucionar o tráfico pola autovía A-6 tras o colapso do viaduto do Castro, ocorrido o pasado 7 de xuño.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, participou esta mañá nunha xuntanza de traballo telemática co director xeral de Estradas do Ministerio, na que tamén interveu o director xeral de Estradas e Infraestruturas de Castela e León.

 

No encontro, a Xunta apuntou que a medida que se prevé pór en servizo mañá é unha actuación de mínimos que non acurta o paso pola N-VI nin polo núcleo de Pedrafita, xa que só consiste en permitir o tránsito por ambas as calzadas da autovía nun treito, en lugar de por unha soa.  

A Xunta considera, ademais, que deberá acreditarse coa práctica se o desvío de tráfico en sentido Madrid anunciado para os vindeiros meses responde axeitadamente aos problemas de fluidez de tráfico, de seguridade viaria e de competitividade económica derivados do peche da A-6.

 

O Goberno galego celebra, en todo caso, que o Ministerio de Transportes recoñeza finalmente a necesidade de permitir o tránsito dos transportes especiais, como viña reclamando a Xunta, e se comprometa a traballar para atender esta demanda.  

 

No encontro desta mañá, a Administración autonómica insistiu en solicitar que se analice a proposta da Xunta, xa que representa a solución máis completa para a mobilidade da zona.

 

Así, por petición do Goberno galego, este mesmo venres haberá unha nova reunión de carácter técnico na que se seguirá abordando a proposta trasladada pola Administración autonómica, por ser máis eficaz na resolución dos problemas actuais.

 

A solución da Xunta é completa, xa que permite sacar o tráfico dos 10.000 vehículos ao día que atravesan o núcleo de Pedrafita, tanto en sentido Madrid como en sentido A Coruña, e permite, ademais, o tránsito dos vehículos especiais, especialmente o transporte dos compoñentes eólicos cara ao Porto de Ferrol, evitando o risco de deslocalización e a ameaza sobre 4.000 empregos.

 

O Goberno galego apuntou ademais que, transcorridos máis de 40 días do colapso do viaduto do Castro, sería desexable ter explicacións concretas por parte do Ministerio sobre as causas que ocasionaron o colapso do viaduto do Castro e coñecer o cronograma de actuación previsto polo Ministerio.

 

Tamén advertiu que a demora nos traballos de enxeñería forense para o esclarecemento das causas do derrubamento poderán alongar no tempo a execución da solución definitiva.

 

O Goberno galego pediu axilidade ao Ministerio, tanto na execución dunha solución provisional completa, aproveitando o verán para avanzar nos traballos, tendo en conta que se trata dunha zona na que o tráfico xa é de por si complicado no inverno, pola neve; como no esclarecemento das causas; e nos avances para a solución definitiva de reconstrución da A-6.