A Xunta construirá unha senda peonil na estrada autonómica OU-150 nas Barxas, no concello de Coles

O contrato de obras foi adxudicado por máis de 48.000 euros, prevéndose o inicio dos traballos nas vindeiras semanas

Executarase unha senda peonil pola marxe esquerda da vía, entre os puntos quilométricos 2+865 e o 3+075, conectando as beirarrúas actuais dos núcleos das Barxas e de Sobral

A nova senda será de tipoloxía de cuneta tendida transitable, cun ancho de entre 1,5 e 2 metros, segundo a dispoñibilidade de espazo, e con pavimento de formigón

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa co seu compromiso de mellora da rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños
 

 

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras para construír unha senda na estrada OU-150 nas Barxas, no concello de Coles.

Este contrato foi adxudicado á empresa Consernor, S.L. por importe de máis de 48.000 euros. O inicio dos traballos prevese xa nas vindeiras semanas.

Executarase unha peonil pola marxe esquerda da vía, co fin de mellorar a accesibilidade e o tránsito peonil no treito comprendido entre os puntos quilométricos 2+865 e o 3+075. A senda permitirá conectar as beirarrúas actuais dos núcleos das Barxas e de Sobral.

A nova senda será de tipoloxía de cuneta tendida transitable, cun ancho de entre 1,5 e 2 metros, segundo a dispoñibilidade de espazo. Para alcanzar este ancho, nalgúns tramos concretos será necesario escavar os desmontes existentes, coa mesma inclinación que o actual noiro.

A senda realizarase en pavimento de formigón, con espesor de 12 centímetros e armado de mallazo, disposto sobre unha capa de chan seleccionado de 20 centímetros de espesor.

No quilómetro 2+980 da vía hai unha fonte catalogada como elemento patrimonial etnográfico. A senda discorrerá entre o pavimento actual de laxas de pedra da fonte e a plataforma da estrada, pero neste punto substituirase o formigón por pavimento de laxas de granito moreno, similares ás do pavimento da fonte.

Será necesario rasantear as tapas de rexistro da rede de saneamento e o retranqueo dun poste da rede de iluminación.

No treito de actuación tamén existe un pontón. Para salvar o seu paso, prevese no futuro dispoñer unha pasarela peonil que poida salvar este punto.

 
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa co seu compromiso de mellora da rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.

Imaxes relacionadas