Fernández-Tapias resalta o labor e a constancia de APAMP durante 45 anos para “crear unha sociedade mellor e máis digna”
A delegada territorial de Xunta en Vigo participou este martes nos actos de conmemoración da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral
Un novo mural, denominada “Malas Herbas” e realizado nun obradoiro polos artistas David Diz e Aram Ríos, e unha homenaxe á poeta Pilar Álvarez completaron os actos
A Xunta achega un total de 2 millóns de euros ao ano para garantir o funcionamento dos diferentes centros que ten esta organización sen ánimo de lucro
Vigo, 19 de xullo de 2022 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este martes nos actos do 45 aniversario da Asociación de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp) nos que se descubriu un mural conmemorativo, debuxado diante do centro de día e ocupacional polos artistas David Diz e Aram Ríos, e celebrouse unha homenaxe á poeta Pilar Álvarez.
“O voso traballo e o de todo o colectivo é o mellor exemplo das persoas que poñen en valor a súa dignidade e o seu papel na sociedade na que nos atopamos.
E así o demostrades desde hai 45 anos en Apamp, onde a constancia, o esforzo e, sobre todo, as leccións de vida son o material co que traballades cada xornada ”, sinalou a representante autonómica durante a celebración.
Fernández-Tapias lembrou que a colaboración do Goberno galego coa organización sen ánimo de lucro é estreita e permanente, tal como demostra o incremento no número de prazas financiadas con fondos públicos do que se están a beneficiar os usuarios do centro integral de Apamp en Navia, que pasaron en 2021 de 30 a 46.
Este aumento levou consigo unha suba de 700.000 euros na achega que realiza anualmente á Xunta a esta entidade, e que ascende a un total de 2 millóns de euros. Este incremento súmase, ademais, ás axudas que a Xunta achegou á entidade para a construción da súa residencia de Navia e para a súa posterior ampliación.
Fondos do IRPF
“O noso compromiso coas persoas máis vulnerables é permanente e incondicional. E só contando con todas elas poderemos seguir presumindo de ser unha sociedade tan plural e tan rica como a que somos, noraboa a toda a familia que formades Apamp polo voso labor, somos unha sociedade mellor e máis digna gracias a vós”, concluíu a delegada da Xunta