O presidente da Xunta achegouse ao Centro de Coordinación Central de Incendios, en Santiago de Compostela

Rueda apunta como prioridade absoluta na loita contra os incendios protexer as persoas, tanto veciños como profesionais de extinción

O titular do Goberno galego chama á “prudencia” e anuncia que equipos de Protección Civil facilitarán aos evacuados volver ás súas casas en canto sexa posible
 

Informa de que na actualidade hai activos en Galicia nove incendios de máis de 20 hectáreas e sinala a tres especialmente complexos que xa queimaron 13.500 hectáreas entre Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Carballeda de Valdeorras e que tamén obrigaron a desaloxar núcleos de poboación
 

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que “prioridade absoluta” na loita contra os incendios en Galicia é protexer as persoas, tanto a veciñanza como os profesionais da extinción. “Entendo perfectamente o desacougo que supón ser desaxolado da casa dun e a angustia polos bens, pero ningún ben material é mais valioso que unha vida”, incidiu.

 

O presidente da Xunta fixo estas declaracións tras achegarse hoxe ao Centro de Coordinación Central de Incendios, en Santiago de Compostela, onde comprobou a situación actual dos incendios. Neste senso, e a pesar de que as condicións meteorolóxicas de hoxe abren unha “ventá de optimismo” comparada co de onte, fixo unha chamada á “prudencia”.

 

Así, informou de que, neste intre, hai aínda nove incendios activos de máis de 20 hectáreas, e en tres deles está declarada preventivamente a situación 2 por proximidade aos núcleos de poboación, e que obrigaron a desaloxar vivendas.

 

En concreto, trátase dos lumes que van entre Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón, con 4.900 hectáreas queimadas; o que comezou na parroquia de Seceda, en Folgoso do Courel, con 1.100 hectáreas; e no de Carballeda de Valdeorras, que xa leva 7.500 hectáreas afectadas. Os demais lumes activos sitúanse en Palas de Rei, en Cervantes, en Oímbra e un en Vilariño de Conso, con 2.750 hectáreas afectadas no Parque natural do Invernadeiro. Na extinción destes incendios, debullou que están a traballar un millar de efectivos, 100 motobombas, 20 pas e 30 medios áreos.

 

Rueda volveu insistir en que estes incendios están provocados por un fenómeno atmosférico “absolutamente excepcional e inédito” en Galicia, a raíz dunha situación que os expertos en meteoroloxía cualificaron de “descoñecida”. En todo caso, salientou que os equipos de extinción e todos os operativos despregados na zona “están a responder cunha enorme profesionalidade”, valorou ao tempo que tirou proveito para lles amosar a súa gratitude.

 
Papel de Protección Civil para á volta ás casas

Rueda insitiu en que nesta priorización de protexer a vida das persoas, chegáronse a producir máis de 50 desaloxos de aldeas, máis de 30 en Folgoso do Courel e na Pobra do Brollón e máis de 20 na zona de Valdeorras, o que supuxo a evacuación de 1.100 persoas e a afectación de 85 construcións.

 

En todo caso, avanzou que, segundo como vai evolucionando a situación, iráselles permitindo volver ás súas casas, pero advertiu de que hai puntos nos que agora non é posible. Para coordinar esta volta, apuntou ao papel de Protección Civil, que se encargará de controlar os accesos aos lugares para facilitarlle aos evacuados que poidan ir volvendo “en canto sexa posible”.

 

O presidente da Xunta remarcou que neste momento, antes da valoración dos danos, a prioridade son as persoas e a extinción dos lumes, “onde somos máis optimistas, pero seguimos a traballar con intensidade”. E así apuntou que a “totalidade” do operativo o dispositivo de loita contra incendios de Galicia está despregado.

 

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta