A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe ás persoas acollidas nas residencia de maiores do Incio e Monforte
A Xunta pon a disposición das persoas maiores e con patoloxías crónicas desaloxadas pola vaga de lumes máis de 50 prazas en residencias
Ofrécese aloxamento en nove centros residenciais para atender de forma inmediata ás persoas máis vulnerables que precisan de coidados
Fabiola García amosou o apoio de todo o Executivo autonómico ás familias que máis están sufrindo esta vaga de lumes, ofrecéndolles todos os servizos ao seu alcance para axudalas nesta difícil situación. Ao respecto, apuntou que, de ser necesario, se podería ampliar o número de prazas en centros residenciais para hospedar ás persoas máis vulnerables que precisan de atención e coidados.
Ademais, a conselleira destacou a resposta áxil que deron as entidades sociais e o sector residencial ante esta situación de emerxencia, e salientou o seu compromiso e vocación de servizo ao ofrecer prazas que teñen dispoñibles para atender de forma inmediata a quen máis o precisa.