O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, e os reitores das tres universidades participan na inauguración das instalacións

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia estrea nova sede no Edificio Fontán, na Cidade da Cultura, ao servizo do prestixio académico

Román Rodríguez asegura que a entidade vai compartir sinerxías con entidades científicas “de primeiro nivel” xa instaladas no Gaiás como o Centro de Investigación Universitario en Paisaxes Atlánticas Culturais, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC ou o Consorcio Interuniversitario

Empraza a seguir traballando a prol dunha universidade aberta e innovadora que aposte pola diferenciación e a formación do talento
 

Santiago de Compostela, 19 de 2022

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia estrea desde hoxe novas instalacións no Edificio Fontán, da Cidade da Cultura, ao servizo das universidades galegas. Coincidindo precisamente co 21 aniversario da súa creación, este organismo inicia unha nova etapa como garante da calidade docente e da proxección académica entre a sociedade e a cidadanía.

 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, participou esta mañá no acto de inauguración, xunto aos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; da Universidade da Coruña, Julio Abalde e da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e un elenco de avaliadores, catedráticos, profesores, técnicos e representantes das tres universidades e de distintas axencias de calidade.

 

Na súa intervención, o conselleiro salientou a traxectoria desta Axencia ao longo de máis de dúas décadas “velando pola adaptabilidade do sistema universitario ás necesidades sociais e salvagardando a calidade, o talento e o prestixio das nosas universidades ao tempo que avanzar no maior recoñecemento destas na contorna nacional”. Neste senso referiuse ao seu papel de “termómetro social e laboral do que dependen as universidades para definir a súa folla de ruta” a través de ferramentas demoscópicas avanzadas. Cómpre salientar o esforzo da axencia en implementar dinámicas destinadas a perfeccionar os modelos formativos e de xestión do sistema universitario, que se revelaron como imprescindibles durante a pandemia.

 
 

Compartir sinerxías

Esta “mudanza”, en palabras de Román Rodríguez, “vai supoñer a chegada de mellores recursos e tamén compartir sinerxías e puntos de encontro con grandes entidades científicas e interuniveresitarias de primeiro nivel”, como é o caso do Centro de Investigación Universitario en Paisaxes Atlánticas Culturais, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC ou o Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia, xa instaladas no Edificio Fontán.

 

Finalmente, o conselleiro emprazou a seguir traballando de xeito conxunto a prol dunha universidade aberta, innovadora e en diálogo permanente coa contorna e, sobre todo, apostando por estratexias de integración e diferenciación, por seguir desenvolvendo unha oferta formativa acorde ás transformacións sociais e económicas e pola formación de talento.