Trenor clausura o obradoiro de Betanzos e anima ao seu alumnado a aproveitar estes nove meses de formación para atopar un emprego

O delegado da Xunta destacou que na área da Coruña se impartiron 11 obradoiros nos que se cualificou a 212 desempregados en ámbitos con gran demanda de emprego

O representante do Goberno galego subliñou que os programas formativos da Xunta están orientados a cubrir as demandas reais das empresas nas contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta
 

Betanzos (A Coruña), 19 de xullo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou, esta mañá, na clausura do obradoiro de emprego de Betanzos compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne. Este programa contou cun apoio da Xunta de 346.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

Trenor explicou a gran utilidade deste tipo de formación porque, ademais de mellorar as capacidades para que as personas desempregadas atopen un emprego, compleméntase con traballos nos concellos e con prácticas nas empresas da contorna. Estes cursos de formación céntranse tamén en áreas con alta demanda de emprego, neste caso concreto en Promoción e Intervención Socioeducativa con Persoas con Discapacidade, Atención Sociosanitaria a Persoas en Domicilio e en Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais.

 

Trenor destacou o compromiso dos concellos de Betanzos, Abegondo, Carral, Coirós e Paderne coa empregabilidade porque levan anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito nos diferentes programas de cualificación que afrontan.

 

O delegado da Xunta apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas, o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.

 

Trenor destacou que na comarca do Coruña estanse a desenvolver 11 os obradoiros de emprego, para os que a Xunta reserva 1,1 millóns de euros para mellorar a formación de 212 desempregados.

 

Entre outras accións máis importantes da Xunta, que tamén se desenvolven na contorna desta comarca, destacan as Accións Formativas para Desempregados (AFD), que este ano contan con 163 cursos nesta área e cun investimento de máis de 6,1 millóns de euros para formar a 2.445 alumnos e os sete PIE, (Plans Integrados de Emprego) nos que se están a formar a 700 desempregados cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros

 

Neste senso, Trenor lembrou que en total a Xunta está a investir na comarca da Coruña de 11 millóns de euros, en 180 programas de formación para axudar a máis de 3.350 desempregados da comarca para facilitarlles a búsqueda dun emprego cando rematen o seu período formativo e as súas prácticas en empresas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta