Solicitada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo en Oímbra, parroquia de Rabal
A situación operativa de emerxencia que se solicita neste incendio responde á proximidade do lume aos núcleos de Rabal e Mandín
Cabe engadir que están declaradas tamén Situacións 2 en tres incendios en Folgoso do Courel, na Pobra do Brollón e en Carballeda de Valdeorras
A Consellería do Medio Rural vén de solicitar como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora no concello ourensán de Oímbra, parroquia de Rabal, pola proximidade do lume aos núcleos de Rabal e Mandín.
Este incendio entrou de Portugal ás 15,23 h. de hoxe e permanece activo arestora. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 1 axente, 4 brigadas, 2 avións e 2 helicópteros.
Cabe engadir que permanece decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que se iniciou o xoves pasado e se reactivou onte por mor dun cambio de vento. A medida solicitouse pola proximidade do lume ao núcleo de Candeda.
Mentres, no concello de Folgoso do Courel, seguen decretadas as Situacións 2 como medida preventiva nos dous lumes rexistrados na parroquia de Vilamor e na parroquia de Seceda.
Por último, tamén segue decretada tamén como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa, que permanece activo desde o xoves pasado.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.