O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe á Conferencia Sectorial para a Mellora Regulatoria e o Clima de Negocios

Conde subliña que o compromiso de Galicia coa axilización administrativa está permitindo impulsar a tramitación dunha vintena de proxectos que suman 2700 m€

Lamenta a falta de cogobernanza no deseño e planificación dos fondos europeos, que fai que as comunidades autónomas estean actuando como meros xestores administrativos das decisións que adopta o Goberno sen que estas axudas se axusten ás necesidades de Galicia

Madrid, 18 de xullo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, resaltou hoxe a aposta que o Goberno galego está a facer pola axilización administrativa a través da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia que, desde a súa entrada en vigor, xa contribuíu a axilizar a tramitación dunha vintena de proxectos que suman un investimento de 2700 millóns de euros.

 

Así o puxo de manifesto con motivo da convocatoria da Conferencia sectorial para a mellora regulatoria e o clima de negocios, onde apuntou que a través da Oficina Galicia Empresa e da Secretaría Xeral de Industria é desde onde a Administración autonómica está a xestionar o que esta lei establece como proxectos industriais estratéxicos e iniciativas empresariais prioritarias.

 

Segundo destacou, neste momento, a Xunta de Galicia xa está a tramitar os primeiros proxectos industriais estratéxicos: a planta de hidróxeno verde que Reganosa e EDP Renovables proxectan nas Pontes; e a proposta de Sentury Tire, que estudia instalar, tamén neste concello, unha fábrica de pneumáticos. En total, ambas as dúas iniciativas suman un investimento de case 700M€ para unha comarca necesitada de boas noticias que a leven a unha transición enerxética e industrial xusta.

 

Por outra banda, son 15 as iniciativas empresariais declaradas como prioritarias ata agora en Galicia, que alcanzan un investimento total de 720M€. E, xunto con isto, tamén mencionou catro proxectos tractores vinculados ás enerxías renovables e que, ao igual que os anteriores, son susceptibles de ser apoiados polos fondos europeos: a fábrica de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei, o polo de economía circular de Ence nas Pontes, a planta de hidróxeno verde de Reganosa, Naturgy e Repsol en Meirama, e a planta de ensamblaxe de eólica mariña de Nervión Naval Offshore no porto exterior de Ferrol.

 

Conde subliñou, polo tanto, que o compromiso de Galicia coa mellora regulatoria para captar novos investimentos é máximo. E que o fai, ademais, involucrando neste obxectivo

ás administracións locais, a través da figura dos Concellos Emprendedores que, actualmente, son preto da metade dos municipios galegos (152).

 

O vicepresidente económico remarcou o compromiso que as administracións deben ter co tecido empresarial que, neste momento, se enfronta a retos tan complexos como a transición dixital e sustentable. E a incertezas derivadas da elevada inflación, o prezo eléctrico, o custo das materias primas e a falta de subministracións.

 

Por iso considerou que é fundamental xestionar con eficiencia e acerto os fondos europeos, un dos principais instrumentos para impulsar a recuperación e defender o sector industrial. Ao respecto, lamentou a falta de cogobernanza no deseño e planificación destas axudas, que fai que as comunidades autónomas estean actuando como meros xestores administrativos das decisións que adopta o Goberno que, en moitos casos, non se axustan ás necesidades de cada territorio, como é o caso de Galicia.

Imaxes relacionadas