Augas de Galicia emite a proposta de autorización de vertido da Mina de San Finx, no Concello de Lousame, condicionada ao cumprimento de 18 requisitos e das normas de calidade ambiental

A titular da explotación e os interesados dispoñen dun prazo de 10 días, a contar desde o seguinte da notificación, para presentar alegacións

A Xunta tramita a autorización desde un escrupuloso seguimento da normativa para garantir o cumprimento dos parámetros da calidade das augas para o vertido ao río

As obras dos sistemas de tratamento e evacuación das augas residuais industriais xeradas nas instalacións deberán estar finalizadas nun prazo de 4 meses

A Administración autonómica deberá recibir semanal e mensualmente os resultados das analíticas de seguimento e control do medio receptor, de obrigada realización por parte da empresa
 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2022

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de emitir a proposta de autorización de vertido ao río Pesqueiras (ou rego de Rabaceiros) de augas residuais depuradas procedentes da Mina de San Finx, situada en Vilacova, no concello de Lousame, unha proposta de autorización que está condicionada ao cumprimento de 18 requisitos e das normas de calidade ambiental.

 

A resolución remítese á responsable da explotación mineira, a empresa Tungsten San Finx, S.L., e aos interesados, para que no prazo de 10 días, a contar desde o seguinte da notificación, se presenten cantas alegacións se consideren convenientes para posteriormente, no seu caso, ditar a correspondente resolución.

 

A Xunta tramita a autorización desde un escrupuloso seguimento da normativa, para garantir o cumprimento dos parámetros da calidade das augas para o vertido ao río, de acordo cos procedementos legais establecidos na Lei de Augas, e o seu regulamento, na Lei de Augas de Galicia e nas Normas de Calidade Ambiental.

 

A resolución emitida por Augas de Galicia inclúe eses 18 condicionantes que se deben cumprir na autorización de vertido, tendo presente sempre a obriga de atender estritamente as normas de calidade ambiental.

 

Augas de Galicia tamén establece o prazo de execución das obras correspondentes aos sistemas de tratamento e evacuación das augas residuais industriais xeradas nas instalacións, que deberán estar finalizadas no prazo de catro meses.

 

Entre os condicionantes máis salientables na resolución atópase a limitación aos caudais de vertido nas fases de baleirado e na de explotación. En concreto, a fase de baleirado, actividade previa á explotación, debe realizarse en 3 fases cunha duración de 494,38 días para o baleirado dun total de 889.885 m3. Na fase de explotación establécese o caudal tratado poderá acadar un total de 631.836 m3/ano, correspondendo 481.800 m³ a augas extraídas das galerías e 150.036 m³ a augas de escorrega da zona industrial.

 

No tratamento das augas, a resolución recolle todas as instalacións necesarias para que as augas residuais industriais depuradas procedentes da balsa de decantación final garantan o vertido ao río Pesqueira cumprindo os parámetros de calidade.

 

Ademais, en canto á frecuencia mínima do control, fíxase que este será semanal na fase de baleirado, e mensual na fase de explotación, tanto para as augas residuais industriais depuradas na planta de tratamento da auga da mina, como para as augas residuais industriais depuradoras procedentes da balsa de decantación final.

 

A resolución tamén determina a obriga do titular da mina a realizar un seguimento e control do medio receptor e remitir a Augas de Galicia os resultados das análises semanalmente, na fase de baleirado das galerías, e mensualmente na fase de explotación.

 

O titular da explotación deberá dispor de arquetas ou dispositivos equivalentes para o control e mostraxe dos efluentes, con acceso directo para a súa inspección por parte de Augas de Galicia.

 

Tamén contará con instrumentos para o control en continuo do caudal do efluente da planta de tratamento da auga de mina, así como para o control do caudal do vertido da balsa de decantación final.