A Xunta inicia as obras dunha nova senda peonil na estrada AC-305 en Burés, no concello de Rianxo

A obra, cun investimento de 50.000€, atende unha demanda veciñal e dará acceso a unha parada de autobús na marxe esquerda, que se instalará ao remate da actuación

Esta intervención complementa a senda prevista na marxe dereita desta mesma vía para conectar A Casilla, O Araño e Burés, cuxas obras comezarán en agosto

O Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable
 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras dunha nova senda peonil na estrada autonómica AC-305, en Burés, no concello de Rianxo.

Os traballos, que contan cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, céntranse na execución dun itinerario pola marxe esquerda da estrada AC-305, de 100 metros de lonxitude, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 10+180 e 10+280.

Con esta actuación a Xunta atende unha demanda veciñal, dando acceso a unha parada de autobús nesa marxe da estrada, onde tamén se prevé a disposición dun refuxio para os usuarios do transporte público.

Os traballos en execución inclúen a limpeza e a escavación na marxe esquerda da estrada, no treito de actuación, así como a colocación dun colector de PVC de diámetro 400 mm, para a canalización das augas pluviais.

Tamén se acometerá o recheo con material seleccionado e o estendido de pavimento de 15 centímetros formigón, completándose co reforzo de firme, mediante o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente.

Este itinerario complementa a senda que se desenvolverá pola marxe dereita da AC-305 e que conectará A Casilla, O Araño e Burés. Estas obras suporán un investimento autonómico de máis de 500.000 € e iniciaranse no mes de agosto. Esta intervención de mellora da seguridade viaria contará con financiamento dos fondos React UE da Unión Europea.

A Xunta segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable

Imaxes relacionadas