A Xunta pon como exemplo do compromiso de Galicia coa igualdade ao porto deportivo de San Vicente, primeiro de España en izar a bandeira do arco da vella

O Grove (Pontevedra), 18 de xullo de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe no acto de izado da bandeira do arco da vella no Club Náutico San Vicente do Mar, onde puxo de relevo a implicación desta entidade e de Galicia na loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero. Nesta liña, destacou que o porto deportivo de Pedras Negras é o primeiro de España en izar a bandeira do arco da vella como símbolo de respecto e respaldo ás persoas LGTBI. Un xesto pioneiro que converte a este porto nun espazo de tolerancia no que se asegure a igualdade e un feito a favor do respecto aos dereitos sexuais como dereitos humanos fundamentais recoñecidos, subliñou a titular de Mar.

Ademais, a representante do Goberno galego manifestou a importancia de que este tipo de mostras sirvan como exemplo a outras entidades portuarias e a outros axentes socioeconómicos do litoral nacional co fin de seguir avanzando no recoñecemento da riqueza que ofrece a diversidade.  

 

A isto engadiu que este símbolo constata que GALICIA SABE AMAR no máis amplo sentido do termo. De feito, lembrou, Galicia foi a primeira comunidade autónoma que, en 2014, contou cunha Lei que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

Imaxes relacionadas