A Xunta inicia a tramitación ambiental do proxecto do novo Hospital Público da Coruña

O proxecto de interese autonómico do ‘Novo CHUAC’ sométese a información pública desde hoxe ata o 31 de agosto para a súa avaliación ambiental estratéxica co fin de avanzar cara á súa aprobación definitiva a comezos de 2023

O documento inclúe a configuración final dos accesos, o plan de mobilidade e as parcelas previstas para destinar ás novas vivendas e negocios dos expropiados

Cando supere o trámite ambiental, previsiblemente en outono, o proxecto someterase novamente a información pública e recabaranse os informes sectoriais das diferentes administracións

A Xunta garante a integración e funcionalidade dos accesos do novo Hospital Público da Coruña, unha vez analizadas ata 20 alternativas e decidindo finalmente asumir a titularidade de 3 km da avenida da Pasaxe

 

 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2022.- A Xunta inicia hoxe a tramitación ambiental do proxecto do novo Hospital Público da Coruña, o ‘Novo CHUAC’, que garante a integración paisaxística dos accesos e inclúe parcelas para as novas vivendas dos expropiados.

 

O proxecto sométese desde hoxe a información pública a efectos de tramitar a súa avaliación ambiental estratéxica, nun prazo de trinta días hábiles, desde hoxe e ata o 31 de agosto. O informe ambiental estratéxico que se formule tras o período de consultas farase público no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no portal web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (https://cutt.ly/TLJqRlR)

 

Unha vez culminado ese paso, previsiblemente en outono, someterase novamente a información pública o proxecto e recabaranse os informes sectoriais das diferentes administracións.

 

Este mesmo ano aprobarase o proxecto e o decreto de utilidade pública dos accesos e nos primeiros meses de 2023, o proxecto íntegro do Novo CHUAC e a utilidade pública dos terreos.

O documento sometido a información pública inclúe a configuración final dos accesos, o plan de mobilidade e as parcelas previstas para destinar ás novas vivendas e negocios dos expropiados.

Esta actuación supón o maior investimento da sanidade pública galega, inicialmente estimado en 430 M€, que se elevará como consecuencia da crise de prezos dos materiais de construción. O obxectivo é acadar un hospital para blindar a mellor asistencia a medio millón de usuarios, con 255.000 metros cadrados construídos e máis de 1.500 camas.

 

O complexo, configurado como unha serie de bloques escalonados de entre 12 e 14 andares, concentrará nun único espazo os servizos do CHUAC, o Oncolóxico, o Materno-Infantil, as especialidades do Ventorrillo e varias do Abente y Lago.

 

Búscase dotar o Novo CHUAC dos máis altos estándares de calidade sanitaria e tamén ambientais.

 

Accesos eficientes

 

O proxecto do novo CHUAC define as solucións máis eficientes e viables en canto aos accesos. O novo CHUAC debe dispoñer dun anel perimetral e dunha conexión funcional coa rede viaria de alta capacidade, tanto coa AC-10 como coa AC-12, que son vías de titularidade estatal.

 

Despois de analizar ata 20 alternativas, a Xunta decidiu realizar un esforzo aínda superior e asumir a titularidade da AC-12, a avenida do Pasaxe, entre a intersección coa avenida de Oza, e o enlace coa AC-11 na Ponte Pasaxe. O Goberno galego xa trasladou ao Goberno central a petición de cesión desta vía.

 

O hospital tamén estará dotado de infraestruturas para o acceso peonil e ciclista, adaptado á mobilidade sostible; e disporá de máis de 1.400 prazas de aparcadoiro.

 

O proxecto recolle ademais a información relativa ás expropiacións. A Xunta está a traballar para reducir ao mínimo posible a afección ás vivendas derivada da construción do novo Hospital Público da Coruña. Así, póñense á disposición varias parcelas para que se poidan manter as residencias e negocios nesa contorna.

Imaxes relacionadas