A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou hoxe o proxecto de mellora da PO-546 en Estribela, coincidindo coa licitación das obras, que estarán rematadas en 2023

A Xunta inicia a transformación da estrada Pontevedra-Marín nun eixe de mobilidade sostible co investimento de case 950.000 no acondicionamento da vía en Estribela

Vázquez Mourelle sinala que o obxectivo desta actuación “ambiciosa” é que a PO-546 en Estribela sexa máis unha rúa e menos unha estrada, garantindo a seguridade dos peóns

Explica que se realizará unha transformación integral nun treito de 500 metros no que se ampliarán as beirarrúas dotándoas dun ancho mínimo de 2 metros para favorecer os desprazamentos a pé e asegurar a accesibilidade

Para facer compatible a humanización da vía co mantemento do dobre sentido da circulación será necesario ampliar a plataforma con estruturas de distintos tipos: desde un voadizo, a recheos e muros de contención

Habilitaranse 3 pasos de peóns sobreelevados con iluminación específica e sistema intelixente de detección e melloraranse as paradas de autobús con novos refuxios

Detalla que esta é a 1ª fase dun proxecto máis amplo no que a Xunta investirá 7 M€ e que continuará na zona entre Mollabao e Os Praceres e nun novo treito entre Estribela e Marín, ademais de na zona pendente da rúa Concepción Arenal deste municipio
 

Pontevedra, 18 de xullo de 2022

A Xunta impulsa a transformación da estrada Pontevedra-Marín nun eixe de mobilidade sostible co investimento de case 950.000 euros no acondicionamento da vía en Estribela, que estará completado en 2023.

Así o avanzou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, durante a presentación do proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada vella de Marín, a PO-546, en Estribela, no concello de Pontevedra, coincidindo coa licitación das obras.

Vázquez Mourelle informou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio da contratación dos traballos do acondicionamento da PO-546 na zona de Estribela, que suporá un investimento da Xunta de máis de 947.000 euros. As empresas interesadas en executar as obras terán de prazo ata o vindeiro 17 de agosto para presentar as súas ofertas.

A partir de aí, segundo avanzou Vázquez Mourelle, iniciarase o proceso para adxudicar o contrato co obxectivo de que poida empezar a executarse a comezos de 2023, cun prazo de 12 meses.

A titular de Infraestruturas remarcou que o obxectivo principal das actuacións é garantir desprazamentos sen riscos na zona de actuación e que os peóns teñan máis protagonismo que os vehículos e se garanta a súa seguridade. Trátase, dixo, de que esta vía autonómica PO-546 en Estribela “sexa máis unha rúa e menos unha estrada”.

Para iso acometerase unha transformación integral coa reurbanización dun treito de 500 metros, no que se modificará a sección transversal para poder ampliar as beirarrúas e dotalas dun ancho mínimo de 2 metros, de forma que se favorezan os desprazamentos a pé e se asegure a accesibilidade.

Ethel Vázquez referiu que se trata dunha actuación “complexa” para facer compatible a humanización da vía co mantemento do dobre sentido de circulación, tendo en conta o pouco espazo dispoñible. Por iso, a ampliación da plataforma faranse con estruturas de distintos tipos, desde un voadizo a recheos e muros de contención, demolendo unhas edificacións que están en ruínas.

Ademais, para conseguir o calmado de tráfico e a seguridade viaria, instalaranse tres pasos de peóns sobreelevados que contarán con iluminación específica e cun sistema intelixente que detecte ao peón nas inmediacións e active a sinalización.

Tamén se mellorarán as paradas de autobús, coa disposición de novos refuxios e renovarase a iluminación da vía, ademais do fresado e estendido unha nova capa de firme, a reposición da drenaxe e dos servizos afectados e a sinalización horizontal e vertical.

Esta intervención contará con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia do programa Next Generation UE de mobilidade sostible.

Vázquez Mourelle incidiu en que o vindeiro ano a Xunta culminará o acondicionamento e mellora da seguridade viaria en Estribela, co que comezará a transformación da estrada Marín-Pontevedra nun eixe de mobilidade sostible.

De feito, as obras licitadas hoxe forman parte dun proxecto máis amplo, unha intervención no conxunto da vía coa que se promove unha mobilidade máis saudable, sostible e segura, tanto a pé como en bicicleta.

En total, a Xunta investirá 7 millóns de euros para a transformación da PO-546, que continuará entre Mollabao e Os Praceres e seguirá cun novo treito entre Estribela e o límite con Marín, ademais da zona pendente de mellora da rúa Concepción Arenal, tamén en Marín. A titular de Infraestruturas e Mobilidade avanzou que xa se está a traballar nestes proxectos, que no outono se someterán a información pública.

Imaxes relacionadas