A Xunta duplica o seu apoio ao Festival de música clásica Bal y Gay, que volve en agosto á Mariña lucense coa súa edición máis internacional

O director de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación da iniciativa que se celebrará do 12 ao 24 de agosto con concertos en lugares como a Catedral de Mondoñedo ou a Fábrica de Sargadelos

Foz (Lugo), 18 de xullo de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Lugo na presentación do Festival de música clásica Bal y Gay que se celebrará en agosto en distintos concellos da Mariña lucense e para o que este ano a Xunta duplica o seu apoio.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades resaltou a traxectoria deste festival e a súa capacidade para dinamizar culturalmente a costa lucense no verán con propostas “de calidade que achegan a música clásica ao gran público e que escolle lugares de elevado interese patrimonial como escenario”, indicou.  

 

Recordou que o Goberno autonómico apoia este ano o certame con 30.000 euros, o dobre que na última edición.  A novena edición do Festival Bal y Gay celebrarase do 12 ao 24 de agosto na súa edición máis internacional. Pasará por Viveiro, Foz, Ribadeo, Cervo, Mondoñedo, Lourenzá ou Barreiros e os concertos celebraranse en lugares emblemáticos como a Fábrica de Sargadelos, a Catedral de Mondoñedo ou a Basílica de San Martiño de Foz, entre outros.

 

Contará con importantes figuras da música clásica como a pianista Elisabeth Leonskaja, o violonchelista español cunha das maiores proxeccións mundiais Pablo Fernández, o Cuarteto Quiroga ou a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia. Tamén haberá concertos familiares, conferencias e obradoiros. Toda a información e a venta de entradas está dispoñible na web do festival.

Imaxes relacionadas