Román Rodríguez anuncia un investimento de 220.000€ para restaurar a ponte medieval de Pontevea

O conselleiro de Cultura visita este BIC que une as provincias de Pontevedra e A Coruña sobre o río Ulla e cuxas obras de mellora veñen de ser licitadas
 

Os traballos están dirixidos a solucionar os problemas existentes que afectan á consolidación e ao pavimento e a recuperar tanto as lastras como a contorna
 

A ponte está protexida polo seu valor patrimonial coa declaración de Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento histórico-artístico
 

A Estrada/Teo, 18 de xuño de 2022

A Xunta de Galicia ten previsto investir 220.000 euros para restaurar a ponte medieval de Pontevea que une as provincias da Coruña e Pontevedra sobre o río Ulla. Así o anunciou hoxe nunha visita o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na que precisou que as obras están xa en proceso de licitación.

 

O responsable autonómico de Cultura sinalou que os traballos que impulsa o Goberno galego permitirán garantir a mellor conservación dunha infraestrutura clave para os termos municipais da Estrada e Teo. “Esta ponte, unha das máis singulares de Galicia, non só funciona como nexo de unión entre dous municipais, senón que é xa unha icona desta comarca e un dos espazos para o ocio e o turismo máis frecuentado polos veciños e visitantes”, afirmou Román Rodríguez.

 

Neste senso, o conselleiro destacou o gran valor cultural que atesoura esta ponte de orixe medieval. “A vía que hoxe transitamos xogou un papel fundamental na peregrinación e nas rutas comerciais desde a súa creación no século XI e nomeadamente na época romana”, incidiu antes de lembrar que foi a súa importancia e as súas características arquitectónicas as que propiciaron que no ano 2017 fose declarada Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento histórico-artístico, obtendo a máxima protección da Lei de Patrimonio Cultural.

 

Cinco meses de execución

En concreto, o obxectivo dos traballos que a Administración autonómica prevé poñer en marcha é resolver as patoloxías existentes na ponte. Para tal fin executaranse actuacións que permitan consolidar a estrutura mediante a recuperación e reforzo dos muros e a instalación de tres tirantes de aceiro ancorados aos reforzos de formigón. Ademais, reconstruiranse os noiros laterais con muros de contención.

 

O proxecto que conta cun prazo de execución de cinco meses complétase coa recuperación das lastras e da contorna, a renovación do pavimento e do mobiliario urbano, a limpeza do empedrado e a realización de catas arqueolóxicas para ampliar o coñecemento sobre os restos de pedra atopados.

 

Espazo cheo de historia

A de Pontevea é unha ponte senlleira do patrimonio cultural de Galicia localizada nunha vía de comunicación de orixe romana, cuxa construción é de época medieval. Ao longo da historia sufriu varias reconstrucións e foi escenario de fitos como a Guerra da Independencia ou as loitas contra as tropas napoleónicas desenvoltas a partir do ano 1809 o que ocasionou danos en elementos da estrutura como os arcos.

Imaxes relacionadas