O DOG publica o cambio de titularidade a prol da Xunta do treito final do antigo acceso ao porto de Lorbé, en Oleiros

Transfírese o treito de 210 metros da estrada provincial DP-5802, dando continuidade á vía autonómica AC-526 ata o novo acceso ao porto, aberto ao tráfico en 2017 pola Xunta tras un investimento de máis de 1,6 M€
 

A Xunta terá competencia para actuar neste treito e asumirá a responsabilidade da súa conservación e mantemento desde mañá, cando ten efecto o decreto
 

O Goberno galego está a redactar o proxecto que culminará a mellora do acceso ao Porto de Lorbé, centrado na parte final da vía e con novas prazas de aparcadoiro
 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a transferencia a prol da Xunta do treito final do antigo acceso ao porto de Lorbé, no concello de Oleiros.

A través deste decreto transfírese a titularidade do treito de 210 metros da estrada DP-5802, entre os puntos quilométricos 0+850 e 1+060, onde remata esta vía provincial, cuxa transferencia permitirá manter a continuidade da estrada autonómica AC-526 ata o porto e cumprir coa súa finalidade como acceso ao dito equipamento.

A Xunta abriu ao tráfico en abril de 2017 un novo acceso ao porto de Lorbé, a través da AC-526, destinado un investimento de máis de 1,6 M€. As expropiacións necesarias para a súa construción e as obras foron realizadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como unha colaboración con Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar.

A estrada autonómica AC-526 non chega ata o porto, xa que no seu treito final solápase coa estrada provincial DP-5802, que constituía o antigo acceso ao porto. Esta zona de solape representa o treito cuxa titularidade se incorporará á rede autonómica de estradas de Galicia.

Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 7 de xullo: https://cutt.ly/yLHYavp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña, formula a proposta favorable de transferencia dese último tramo da estrada provincial DP-5802. O cambio de titularidade conta tamén coa conformidade da Deputación Provincial da Coruña.