Solicitada a desactivación da situación 2 no incendio forestal rexistrado no concello de Palas de Rei, parroquia de Ramil

Permanecen declaradas as Situacións 2 en tres incendios en Folgoso do Courel, na Pobra do Brollón e en Carballeda de Valdeorras

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2022

A Consellería do Medio Rural vén de solicitar a desactivación da Situación 2 no lume rexistrado onte no concello lugués de Palas de Rei, parroquia de Ramil, ao remitir o perigo para os núcleos de poboación.

 

O lume de Ramil comezou onte ás 13,13 horas e permanece activo arestora. Segundo as últimas medicións, a superficie afectada é de 275 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 1 técnico, 9 axentes, 12 brigadas, 11 motobombas, 3 helicópteros e 4 avións.

 

Cabe engadir que permanece decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que se iniciou o xoves pasado e se reactivou onte por mor dun cambio de vento. A medida solicitouse pola proximidade do lume ao núcleo de Candeda. Afecta unha superficie estimada de 2.400 hectáreas.  

 

Mentres, no concello de Folgoso do Courel, segue decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio forestal activo desde o xoves na parroquia de Vilamor, que rolda as 2.500 hectáreas segundo as últimas estimacións. Esta situación operativa de emerxencia declarouse pola proximidade do lume ao núcleo de Parada de Montes. Continúa decretada tamén a Situación 2 no outro incendio forestal activo arestora na mesma parroquia de Vilamor, tamén iniciado o xoves e que afecta unhas 300 hectáreas provisionais. Así mesmo, segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo na parroquia de Seceda, orixinado o venres pasado e que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.100 hectáreas provisionais.   

 

Segue decretada tamén como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa, que permanece activo desde o xoves pasado e afecta unha superficie provisional de 700 hectáreas.

 

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural