Solicitada como medida preventiva a situación 2 no incendio forestal activo en Palas de Rei, parroquia de Ramil

A situación operativa de emerxencia que se solicita neste incendio -que supera as 20 hectáreas- responde á proximidade do lume aos núcleos de Pambre e Chorexe
 

Cabe engadir que están declaradas tamén Situacións 2 en tres incendios en Folgoso do Courel, noutro na Pobra do Brollón, noutro en Carballeda de Valdeorras e en dous de Oímbra
 

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2022

A Consellería do Medio Rural vén de solicitar como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo arestora no concello lucense de Palas de Rei, parroquia de Ramil, pola proximidade do lume aos núcleos de Pambre e Chorexe.

 

Este incendio iniciouse ás 13,13 h. de hoxe e supera as 20 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 4 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas, 4 avións e 3 helicópteros.

 

Cabe engadir que está xa decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que se iniciou o xoves pasado e hoxe se reactivou por mor dun cambio de vento. A medida solicitouse pola proximidade do lume ao núcleo de Candeda. Afecta unha superficie estimada de 2.400 hectáreas.  

 

Mentres, no concello de Folgoso do Courel, segue decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio forestal activo desde o xoves na parroquia de Vilamor, que rolda as 1.300 hectáreas segundo as últimas estimacións. Esta situación operativa de emerxencia declarouse pola proximidade do lume ao núcleo de Parada de Montes. Continúa decretada tamén a Situación 2 no outro incendio forestal activo arestora na mesma parroquia de Vilamor, tamén iniciado o xoves e que afecta unhas 300 hectáreas provisionais. Así mesmo, segue decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal activo na parroquia de Seceda, orixinado o venres pasado e que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.100 hectáreas provisionais.   

 

Segue decretada tamén como medida preventiva a Situación 2 no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa, que permanece activo desde o xoves pasado e afecta unha superficie provisional de 670 hectáreas.

 

Por último, quedou decretada a Situación 2 como medida preventiva en dous incendios activos no concello ourensán de Oímbra e que superan ambos as 20 hectáreas, pola proximidade das lapas aos núcleos de Videferre e San Cibrao. Un entrou desde Portugal pola parroquia de Videferre, ás 15,57 h. de hoxe. O outro iniciouse na parroquia de San Cibrao ás 18,46 h.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural