A Xunta participa nos actos do XXXVI remonte anual marítimo fluvial conmemorativo da Traslatio Apostólica

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro destacou a importancia da nosa comunidade como un destino inigualable para o desfrute do turismo marítimo e neste caso vinculado ao Camiño de Santiago

 Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2022 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, asistiron esta tarde aos actos do XXXVI remonte anual marítimo fluvial conmemorativo da “Traslatio Apostólica.

 

Nava Castro sinalou que Galicia é un destino inigualable para o desfrute do mar a través dos diferentes deportes náuticos, resaltando as instalacións de vangarda que sobresaen tanto en cantidade coma en calidade na nosa comunidade, con 11 portos deportivos que contan con bandeira azul e 15 coa Q de calidade.

 

Así mesmo, Castro fixo fincapé na aposta da Xunta de Galicia pola potenciación e reforzamento do turismo náutico mediante o Plan Estratéxico Galicia Destino Seguro, favorecendo o aproveitamento por parte da nosa comunidade deste recurso.

 

Nava Castro explicou que o plan baséase na oferta turística, nos recursos endóxenos e na articulación dun turismo multiexperiencial con produtos como o turismo náutico para captar novos mercados e desestacionalizar a demanda, poñendo como exemplo esta ruta da Traslatio.

 

“Dende a Xunta de Galicia seguiremos apostando pola calidade e potenciando aquilo que nos fai especiais porque, deste xeito, conseguiremos ofrecer experiencias que soamente se poidan gozar aquí, na nosa comunidade”, concluíu Nava Castro.