Solicitada como medida preventiva a Situación 2 en senllos incendios forestais activos en Carballeda de Valdeorras e Folgoso do Courel

Canto ao incendio de Carballeda de Valdeorras-Riodolas, que se vén de reactivar por mor dun cambio de vento e que rolda as 1.100 hectáreas segundo as últimas estimacións, a medida declárase pola proximidade do lume ao núcleo de Candeda

No caso de Folgoso do Courel, solicítase para o incendio activo na parroquia de Vilamor que rolda as 500 hectáreas provisionais segundo as últimas estimacións, ao estar o lume preto do núcleo de Parada de Montes

Cabe engadir que están declaradas outras tres Situacións 2 na nosa comunidade, dúas en Folgoso do Courel e unha terceira na Pobra do Brollón
 

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2022

A Consellería do Medio Rural vén de solicitar como medida preventiva a Situación 2 en senllos incendios activos arestora nos concellos de Carballeda de Valdeorras e Folgoso do Courel. Cabe apuntar que están declaradas outras tres Situacións 2 na nosa comunidade, dúas en Folgoso do Courel e unha terceira na Pobra do Brollón.

Carballeda de Valdeorras

Canto ao incendio de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Riodolas, que se vén de reactivar por mor dun cambio de vento, a Situación 2 como medida preventiva solicítase pola proximidade do lume ao núcleo de Candeda. Este incendio afecta unha superficie estimada de 1.100 hectáreas provisionais, segundo as últimas estimacións.

Este incendio forestal orixinárase ás 22,09 h. do xoves. No seu control levan participado en total 6 técnicos, 24 axentes, 57 brigadas, 28 motobombas, 3 pas, 4 avións e 6 helicópteros.

Folgoso do Courel

No caso de Folgoso de Courel, a nova Situación 2 como medida preventiva solicítase no incendio forestal activo arestora na parroquia de Vilamor e que rolda as 500 hectáreas segundo as últimas estimacións. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo de Parada de Montes.

Este incendio permanece activo desde o xoves ás 20,25 h. da tarde. No seu control traballaron ata o momento 1 técnico, 21 axentes, 27 brigadas, 20 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 6 avións e 7 helicópteros.

Cabe lembrar que continúa decretada como medida preventiva a Situación 2 noutro incendio forestal activo arestora tamén en Folgoso do Courel, parroquia de Vilamor. Este lume iniciouse ás 20,42 h. do xoves e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 300 hectáreas provisionais.

Tamén hai Situación 2 polo lume orixinado na parroquia de Seceda, tamén en Folgoso do Courel, ás 1,40 h. do venres e que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 1.100 hectáreas provisionais. Así mesmo, está declarada a Situación 2 como medida preventiva no incendio forestal do concello lugués da Pobra do Brollón, parroquia de Saa, que permanece activo desde as 20,37 h. do xoves e afecta unha superficie provisional de 600 hectáreas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural