O conselleiro de Sanidade doa sangue e invita á cidadanía galega a facelo nos meses de verán xa que tres grupos sanguíneos presentan niveis baixos de reservas

Os grupos A positivo, A negativo e 0 positivo amosan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á colaboración nas campañas de doazón de sangue

 

Vigo, 16 xullo 2022.- O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, doou sangue no Hospital Nicolás Peña, na cidade olívica, e realizou un chamamento xeneralizado á participación da poboación galega na doazón de sangue e, de maneira especial, aos doantes A positivo, A negativo e 0 positivo.

 

As reservas destes tres grupos sanguíneos, -sinalou o conselleiro-, presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). O titular da carteira sanitaria lembrou que os centros sanitarios de Galicia necesitan entre 400 e 500 diarias para desenvolver de maneira eficaz as súas tarefas sanitarias.

 

ADOS destaca que Vigo é unha cidade solidaria no que atinxe á doazón de sangue, xa que a súa taxa é de 48 x 1000 habitantes, acadando o pasado ano as 14.238 doazóns.

 

En moitos dos labores asistenciais que se realizan a diario nos hospitais de Galicia, son imprescindibles os compoñentes sanguíneos. En determinadas épocas do ano pode baixar o número de doazóns, como sucede durante a época estival, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de todos a cidadanía, polo que o departamento sanitario galego solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue durante os meses de verán.

 

As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitan, nestes días, diferentes concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia. ADOS espera contar de novo coa solidariedade da cidadanía galega nos desprazamentos destas unidades.

DATA
CONCELLOS

Luns 18 de xullo

Narón, Celas de Peiro (Culleredo), Culleredo, Zona Gaiteira-Os Castros (A Coruña), Praza Roja (Santiago), Área Central-Fontiñas (Santiago), Catoira, Bº Teis (Vigo), Rúa Príncipe (Vigo), Foz, A Rua

Martes 19 de xullo

Narón, O Burgo (Culleredo), Bº Peruleiro (A Coruña), A Picota (Mazaricos), O Incio, Ronda das Fontiñas (Lugo)

Mércores 20 de xullo

Miño, Santa Cristina (Oleiros), Praza Conchiñas (A Coruña), Santa Comba, Vilanova de Arousa, Praza Maior (Lugo)

Xoves 21 de xullo

Ortigueira, Zona Los Rosales (A Coruña), Cantón-Obelisco (A Coruña), Padrón, A Estrada, Moaña, Monforte, O Carballiño

Venres 22 de xullo

Praza de España (Ferrol), Bº Os Mallos (A Coruña), Cantón-Obelisco (A Coruña), Padrón, A Estrada, Moaña, Monforte, O Carballiño

Sábado 23 de xullo

Praza de España (Ferrol), Urbanización A Barcala (Cambre), Padrón, A Estrada, Moaña, Palas de Rei

 

Ademais, tamén se pode doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas:

 

CENTRO

HORARIO

HOSPITAL CLÍNICO UNIVERSITARIO DE SANTIAGO

Luns a venres das 8 ás 22 horas

Sábado das 8 ás 15.00 horas

HOSPITAL UNIVERSITARIO DA CORUÑA

Luns a venres das 8 ás 22 horas

Sábado das 8.00 ás 15 horas

HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE DE FERROL

Luns das 15 ás 22 horas

Martes, mércores e xoves das 8 ás 15 horas

Venres das 8 ás 22 horas

HOSPITAL LUCUS AUGUSTI DE LUGO

Luns e venres das 15 ás 22 horas

Martes, mércores e xoves das 8 ás 15 horas

HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSE

Luns a venres de 8 ás 15 horas

HOSPITAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRA

Luns a venres de 8 ás 15 horas

HOSPITAL NICOLÁS PEÑA DE VIGO

Luns a venres das 8 ás 22 horas

Sábados das 8 ás 15 horas

Doar é moi sinxelo e seguro

ADOS lembra que pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

 

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas